El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Despropósitos da gobernanza

14.10.2018 
A- A+

ASISTIMOS nestes últimos tempos, cun certo asombro, a unha chea de despropósitos nas actuacións dalgúns concellos galegos que fan pensar na clase de políticos que nos gobernan dende o ámbito municipal, o máis próximo ao cidadán e o que máis nos preocupa pola veciñanza e o deterioro da convivencia social. Non sei si porque é máis interesante e vende máis periódicos falar dos desastres e sandeces que se están a permitir nalgúns dos nosos e máis emblemáticos concellos que lonxe a serenar os ánimos, velar polo benestar da cidadanía, conservar o patrimonio, mellorar as condicións socioeconómicas dos seus poboadores e velar pola convivencia en harmonía, parecen producir o efecto contrario.

A lista é longa, variada e peculiar. Podemos empezar pola brutalidade de pintar monumentos, onde se emparellan textos manidos e signos que adoitan aburrir con só miralos. Ou as sandeces dos que usan os sprays para destruír pedras milenarias que forman parte do noso bagaxe cultural e da nosa idiosincrasia como pobo. A imprevisión ou a falta de ganas para poñer un servizo de vixilancia policial local efectivo, ou polo menos presente, nunha cidade que se vende a si mesma como paradigma do bo facer no eido do patrimonio. E por que non falar do pregón do Entroido que nos fixo ser titular de entrada e de portada ata nos telexornais e periódicos de tirada estatal, no que se confunde, tristemente, a liberdade de expresión e a gracia coa grosería e o despropósito.

Poderiamos continuar coa adxudicación da xestión da antiga cárcere da Coruña a unha asociación e que remata nos tribunais, a instancias do fiscal do caso que ve indicios de delito. Ou do estraño caso das vivendas particulares de "amigos e afíns" que se compran con destino a vivendas sociais. Operacións declaradas nulas polo Consello Consultivo, que ve irregularidades no proceso. Agora queda por ver como conseguen que os propietarios devolvan os cartos ou que os inquilinos se muden.

E como non falar, da alfombra floral desaparecida. Como é posíbel tanta dilixencia na prestación do servicio por parte da empresa de recollida do lixo que non ven pasadas unhas horas dende a confección da decoración floral polos veciños, se apresurou a retirala do adro da Igrexa cunha rapidez digna de mellores causas. E claro, as respostas son sempre as mesmas, mirar para outro lado e botarlle as culpas aos funcionarios, aos turistas, á policía, aos veciños, aos outros partidos ou aos operarios dun servizo de recollida de lixo pagado polo concello.

Previsión ou imprevisión son referentes nos que se deposita a responsabilidade e a capacidade de solvencia dos actos e das actuacións das persoas que asumen o compromiso de tomar decisións de goberno ao amparo do designio popular ao través das urnas. Faise necesario esixirlle a aqueles que se dedican a xestión pública o acerto e a solvencia de todo bo gobernante. A temeridade ou a irreflexión mellor deixalos na porta.

Da Real Academia Galega