El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

OS OUTROS DíAS

ALFREDO CONDE

Dúaslecturas

05.03.2015 
A- A+

ONTE lin dous libros que só poderían ter sido escritos en Galicia. Os dous están publicados por Edicións Xerais. Trátanse de dúas novelas.

A primeira que lin foi a de Bautista Álvarez, titulada Cuarto menguante. Chapeina no tren, indo e vindo d'A Coruña; xa saben que son lector tan afoutado coma veloz. Así non se me queda nada do que leo, cousas da voracidade lectora, consecuencias da idade provecta na que me veño adentrando dende o día no que nacín e no que, nese día, cumprín os corenta e tres de idade. Lévanse visto outras cousas ben máis raras que esta que lles digo.

A segunda é de Manuel Portas e titulase Amor en alpargatas. Esta xa a lin na casa, ó amor do lume. É o que ten ter horta con árbores que poder podar, que tes leña abondo pra quecer aquela e poder ler ó seu abeiro, facendoo baixo esta luz de inverno que, nos días de nortada, é diáfana , esplendorosa e única, amén de fría e por moin ben que lles veña ós gromos das hortensias.

A de Bautista está escrita cunha técnica que, se me deixan, non se mo disculpan, se me deixan, direi que é de lareira. Bautista non escribeu unha novela propiamente dita, contóuna. Fixoo coa parsimonia e as reviravoltas propias daquelas noites de antes cando, amparados ó lume da lareira, era posible escoitar historias contadas por verdadeiros mestres da narración oral, donos de todos os recursos propios do xénero; os mesmos dos que Álvarez agora bota man pra construir ese universo que moitos considerabanos perdido e que, de xeito afortunado, aínda pervive nas mentes dos vellos de oitenta ou setenta anos coma somos il e máis eu. Paga a pena lela. Non sei que pensarán os lectores máis novos, alleos xa a tales realidades, pero se a len halles compensar o ben escrita que está, o galego (déixanme que diga prístino?) pois iso, prístino, que emprega, cheo de beleza.

A de Portas comeza cun primeiro capítulo espléndido no que se entrecruzan os puntos de vista pra nos permitir que o faga o noso propio fluxo de conciencia, camiñando á par do da muller que asiste ó enterro de quen foi seu home. Logo continúa por camiños que xa recorrimos na de Bautista e máis tamén en tantas outras. Os da evocación infantil, a recuperación do mundo que se foi. Pero agora sen técnica de lareira, senón con aquelas outras das que nos forneceu a última narrattiva que foi quen de incorporalas a esa conciencia lectora colectiva da que cada lector forma parte. En resume, que se eu -que son un vello que non ten nada millor que facer- chapei as dúas nun día vostedes poden lelas no prazo que estimen oportuno; pero lelas. Pagaralles a pena, fáganme caso; xa saben que nesto da lectura e dos restaurantes que lles recomendo sonlles moi mirado. A outros efectos confesolles que xa o son menos.

Escritor, Premio Nadal

e Nacional de Literatura