El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

A MANDALA

ELENA VÁZQUEZ CENDÓN

Vodas de perla

23.10.2019 
A- A+

UNHA perla nace como a re­acción a un corpo estraño dentro dun molusco. O resultado é un moi xeométrico e pode representar un número. Se os 25 anos de compromiso dunha parella, u­nha promoción de estudos ou dun traballo están asociados á prata, e os 50 ao ouro, interpolando os valores intermedios a outros metais e materiais, á perla correspondenlle os 30!

A promoción á que pertenzo como licenciada en Matemáticas está de vodas de perla. Este número mide a distancia temporal a un punto final, o de rematar a carreira, e tamén ao tempo que levamos traballando. Son moitas sensacións e aprendizaxes, e moitas persoas coñecidas, recoñecerei hoxe a algunhas para honrar a todas.

Grazas a unha bolsa de colaboración en 1989 coñecín ao profesor Alfredo Bermúdez. Este mes, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorgoulle a Medalla Enrique Vidal Abascal. A candidatura foi presentada polo Departamento de Matemática Aplicada da USC, do que me honro formar parte desde fai 30 anos. Parabéns á RAGC pola iniciativa das medallas de investigación e, nomeadamente, por recoñecer a estos dous matemáticos. O profesor Bermúdez foi o único conferenciante invitado español no congreso internacional ICIAM 2019. Cónstame o orgullo dos profesionais da matemática industrial presentes ao escoitalo, presentando con rigor os resultados de colaborar con empresas facendo matemáticas. A conferencia está dispoñible na web do congreso (https://iciam2019.org/) se vostedes queren saborear o seu maxisterio.

Son unha das persoas afortunadas ás que Alfredo dirixiu a tese. Como filla científica non son imparcial, por iso apelo a visión global de Amable Liñan, un referente nacional e internacional en ciencia e enxeñaría, que o define como "el gran matemático aplicado español". Alfredo e Amable son valiosas perlas do meu colar, por todo o aprendido con eles no marco de diferentes proxectos, e sobre todo pola admiración que sinto pola súa humildade e o seu xeneroso compromiso coa educación pública.

A perla da profesión foi medrando como unha gran mandala, e transforma relacións de profesores ou estudantes d­outros tempos en colegas hoxe. Na edición de perla dos Premios Gallegos del Año, Manuel Iglesias recordábame que lle dera clase fai 30 anos en Lugo, e hoxe podo ver grazas a unhas lentes moi ben axustadas polos exalumnos, e hoxe amigos, Ana e Carlos Vázquez Babarro de Ourense.

A etapa relacionada coa xestión é a que menos imaxinaba na carreira. Falar con Carmen Pumar é lembrar proxectos estimulantes, a Ponte, a Liga de debate... e en setembro compartir o pasamento de Fina, a primeira conserxe da Casa Jimena e Elisa, quen tanta vida puxo nestas perlas do colar!

Celebrar estas vodas de perla é dar as Grazas por este traballo, renovar o compromiso de seguir facendo matemáticas e de compartir o que facemos abrindo camiños, como os que fixeron mestres como Alfredo, e polos que gozamos camiñando en boa compañía, como nesta etapa decanal o son Rosana e Beatriz, dúas valiosas perlas!

Profesora de Matemática Aplicada na USC