El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

no pasar dos días

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

Empresas ecolóxicas

09.12.2018 
A- A+

A tímida presenza de Galicia, un país cheo de bosques e espazos verdes madeireiros, no emerxente sector da biomasa, creo que o seu aporte son 9 fábricas de pellets e estelas e catro plantas eléctricas de residuos forestais, constitúe un autentico paradoxo tanto para o sector do goberno como para o sector empresarial. Unha inactividade que se suma á paulatina degradación da paisaxe natural galega, que vai desembocar necesariamente na desarticulación do hábitat rural, na devastación desoladora da morfoloxía dos núcleos tradicionais e na deformación da imaxe propia de Galicia. Así a preocupación polo noso país medra, xa que as novas no eido económico están a confirmar as negras predicións dos estudos realizados sobre a economía rural galega, onde cada ano se perden milleiros de postos de traballo en explotacións agropecuarias, nas industrias agrícolas ou nas forestais, sen que muden as directrices políticas e sen que a reorganización e modernización do mundo rural galego se produza.

Por iso o alborexar da industria da biomasa marca unha nova esperanza de cara ao rexurdir da nosa economía rural. En Galicia córtanse cada ano arredor de 9 millóns de toneladas de madeira, das que cerca dun 25% son residuos forestais. Dos datos despréndese que uns 2 millóns de toneladas, procedentes dos restos de cortas quedan no monte e destas só un 5% son aproveitados polos propietarios. Estes recursos baratos e escasamente contaminantes pouco ou nada se usan máis alá dunhas fábricas que converten os restos das talas en pellets ou en estelas para combustíbel de caldeiras de uso domestico ou industrial. Un negocio aínda non consolidado e sometido aos altibaixos dunha demanda estacional e insuficiente, pero que da man de emprendedores audaces está a se consolidar grazas á recuperación do consumo e ante a ameaza das drásticas subidas do gas oíl.

En Galicia, como xa se mencionou, temos catro fábricas que producen arredor de 140.000 toneladas pero, segundo resaltan fontes do sector, teñen capacidade para producir tres ou catro veces máis se fose preciso. Son fábricas de produción sostíbel que usan restos de piñeiros, salgueiros ou chopos, certificados e con garantía de que a madeira que se corta se replanta. Todos son beneficios para a sociedade xa que por un lado contribúen a limpeza dos montes e á loita contra dos incendios forestais e por outro permiten o acceso a unha fonte de enerxía accesíbel a unha grande parte da poboación que non ten porque tolerar os avatares das subidas crecentes dos combustibles fósiles, isto sen esquecer que crean postos de traballo no rural galego o que permitiría a fixación da poboación ao territorio impedindo o seu abandono.

Un combustíbel de proximidade, barato e cun prezo estábel, un proxecto da Xunta de establecer axudas e incentivos para a instalación de caldeiras nos fogares galegos abre o camiño a unha nova xeración de empresas de tecnoloxías limpas no noso territorio. Dito queda.

Da Real Academia Galega