El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

MARISA CASTRO

Facer política non é facer un 'reality show'

15.09.2018 
A- A+

PARA reflexionar, nun momento en que parece que o único importante no Estado Español é a vida universitaria dos políticos (un verdadeiro reality show), comezo con algunhas frases citadas nos medios por diversos sabios, que probablemente se copian uns a outros e non se citan, por iso eu tampouco os vou a mencionar expresamente. Son persoas que intelectualmente está fora de dúbida, e non citaban a procedencia, sempre se pode consultar a san google, que parece ser a biblioteca máis fiable hoxendía:

1. "As persoas sabias falan de ideas, as normais, do que sucede e as mediocres, unhas das outras". Onde clasificamos aos nosos políticos?

2. "Plaxiar é copiar de un autor sen especificalo, investigar é facelo de varios". Evidentemente, as citas, con ou sen entre comiñas, son comentadas, criticadas, discutidas, ...

3. "Todos somos honrados, mentres non nos dan a oportunidade de non selo". Quen non se apoderou "sen querer" para uso persoal dun bolígrafo, duns folios, ... do seu centro de traballo. Cada un é honrado na medida do que ten diante.

Ademais gustaríame que alguén me aclarara unha cuestión: Se unha persoa presenta, defende e aproba unha tese de doutoramento e, posteriormente, se demostra que ten omisións, irregularidades, falsidades, etc. non creen que debería de anularse o traballo e a nota?, pero tamén incapacitar aos 5 membros do tribunal que o avaliaron (doutores recoñecidos polo sistema universitario), aos membros da comunidade universitaria na que se presentou porque tiveron a oportunidade de ver o traballo, analizalo e criticalo antes de ser defendida (esta exposición é obrigatoria), ás autoridades universitarias responsables da institución que permitiu esa falcatruada e, se me apuran, aos doutores presentes na sala na foi defendida porque tamén tiñan algo que dicir. E, evidentemente, o(a) director(a) que autorizou a súa presentación.

Por outra parte, para ser director dunha tese de doutoramento ou membro do tribunal que a xulga hai que ser tamén doutor e ter experiencia investigadora recoñecida. Están seguros que todos os políticos e xornalistas que opinan sobre estes temas están nesta situación?

Realmente este reality show parece un fogo artificial para entreter as persoas e evitar que vexan as estrelas? Persoalmente, creo que as opinións gratuítas sobre outras persoas por parte de alguén, que dubidosamente está capacitado para facelo, di pouco a favor del(a) e non tanto da/s que pretende criticar.

Non sería mellor dedicar tempo e enerxía a facer algo positivo? Os nosos impostos deberían usarse para cousas útiles e non para perder o tempo.

Profesora Universidade de Vigo