El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

OS OuTROS DÍAS

ALFREDO CONDE

Falar ben e mal

18.06.2016 
A- A+

HAI anos, hai xa ben anos, merquei un coche de segunda man. Un coche deses que lles din "de quilómetro cero". O condenado tiña matricula de Madrid. Escuso dicirlles a de veces que tiven que aturar que se me reprochase tal feito, que se me botase en cara que eu -tí, ti, dicíanme con boce admonitoria, precisamente ti- tivese un coche co oprobioso M de Madrid campando a proa e a popa do meu vehículo. A única ventaxa que tiña aquel automóbil era que cando andaba con el por Madrid adiante ninguén me tocaba o claxón que me tocarían no caso de levar matrícula galega. As limitacións humanas son certamente universais.

Máis tarde, o inefable Aznar da Guerra do Golfo, é dicir, outro que tal, facilitou o feito que, os propietarios de automóbiles que así o desexasen, poderían cambiarlle as matrículas ós seus coches pra lles poñer as das provincias nas que residisen. Entón agudizóuseme o problema. Qué -dicíanme-, agora poderás cambiarlle a matrícula ó futingo -futingo é como aínda lles din moitos galegos ós automóbiles logo da vella publicidade do inesquencible Ford T: Foot it and go, aconsellaba o slogan, acelere e arranque, pise e váiase- o caso é que eu non lla cambiaba.

Sempre había quen teimase. Qué, cámbiaslla ou non lla cambias? Porfiaban. Eu sempre respondía: Fareino encantado e decontado, sempre e cando ti me deas os dez mil pesos que me vai custar a broma. Pero non atopei ningún mecenas. Acabei por revender o meu futingo e adquirindo outro.

Todo isto ven a conto do artigo de onte. Se o recordan, foi escrito en castelán e ía dos avisos no AVE en catalán e outras entelequias patrias. Deberei dicir que non é bo predicar a convencidos e que hai xente que aínda debe comprender que o galego é cousa de todos os galegos, mesmo dos que só falan castelán pois as dignidades son sempre compartidas e o galego non é só dos que falamos galego, senón que se trata dun patrimonio común. Hai montes en man común e linguas que ou o son o deixarán de selo.

Este de hoxe vai en galego pois a prédica, se me permiten que así a cualifique, vai dirixida ós convencidos. O pior que se lle pode desexar á nosa fala é que a reduzamos a un eido propio de lingüistas, escritores e poetas asociados, consorciados e, ó remate, sempre algo confundidos, que, non é por nada, pero moito me temo que sexa o que leva estando sucedendo durante os pasados anos e non pró ben de todos e si pró aproveitamento dunha reducida minoría que leva tempo abondo de máis dicíndonos o que é falar ben e falar mal, impondo criterios e promulgando ukases cunha frecuencia digna doutra e distinta causa.

O galego tamén é responsabilidade dos galegos que só falan castelán. E hai que dicirllo de xeito que o entendan. Non si?

Escritor, Premio Nadal e Nacional de Literatura