El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

tribuna libre

FRANCISCO MARTÍNEZ BOUZAS

"Noite de lobos e tiburóns"

02.12.2019 
A- A+

En retroautotradución,Laiovento publica esta novela breve de Xina Vega, descrita pola editorial coma un vómito, un ouveo. Unha novela breve alicerzada nunha estrutura compositiva con varias historias que corren de xeito paralelo. Todo acontece nunha noite e nun edificio, un universo claustrofóbico, habitado por personaxes sen nome, despersonalizados, coa soidade como única compaña. Fascinados pola miseria e a animalidade, selan a amizade dos que mexan xuntos. E a partir de aquí unha verdadeira noite de lobos e tiburóns. Un emigrante africano que chega sen papeis nun cayuco negro, coas lembranzas dos moitos que morreran ao seu lado. Unha rapaza nova que foxe do cárcere da súa casa, traga o noxo do condutor que a recolle porque ten unha regaña e os homes danzan ao se redor. E así estrea a súa condición de presa. Ten fendiduras, néctar que atrae os homes. Por iso maldicirá o sexo que enerva os homes.

A parte central desta novela de lobos e presas é una escena de sexo animal. Entre eles non reloce o amor; só brilla o desexo da animalidade. Mais mesmo na sordidez, hai un pequeno espazo para a solidariedade dos vencidos, dos parias. Os excluídos da terra, converxen na noite, encaixan o un no outro e apértanse. Narrativa do desgarro, se ben o libro de Xina Vega vai moito máis alá dos desgarres anímicos e corporais. Xina Vega narra o sinistro da cotidianeidade, o lado máis repulsivo da realidade.

Libro úbrico, con estados de excitación, de paroxismo, de desorde extrema, de violencia acumulada e non reprimida. E malia a dureza destas páxinas non é lícito falar de masoquismo, porque a autora non se recrea no sórdido e as historias están ben ganduxadas e relatadas cunha prosa de primeira calidade.

Tamén a técnica literaria desta pequena peza é moi diferente do que estamos acostumados. Moitas e boas doses de minimalismo, múltiples elipses impostas a mantenta pola autora que de sobra sabe o que abonda con ser suxerido. As descricións soamente actúan a modo de pausas entre secuencias Mais Xina Vega metaforsea sen atrancos e de xeito orixinal. Ausencia de diálogos neste verdadeiro teatro do horrores narrado sen eufemismos.

 

*   CRÍTICO LITERARIO