El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

OS OUTROS DÍAS

ALFREDO CONDE

Nós, os galegos

18.08.2019 
A- A+

Moito predicaron os estoicos a virtude como o millor e máis recto camiño á felicidade (ese intanxible que tantos se preocupan en confundir co benestar, que este si que se palpa) e moito teimaron, eles eran así, nos deberes que todo home ten co mundo, co Estado e consigo mesmo. Marco Aurelio, amén de ser un membro da Estoa, de ser un estoico, foi tamén un emperador romano. Recordado sexa este extremo prós novos bachareis que, lamentablemente, moita historia da filosofía non lla aprenden... ou non interesa que lle sexa aprendida D.l.f.m; ou sexa, Dio-lo faga millor. Daquela o mundo dividíase en estoicos e epicúreos. Umberto Eco dividiuno á súa vez en apocalípticos e integrados. Antes deles os gregos faláronnos de apolíneos e dionisíacos.

Dende moito antes dos gregos, a Biblia aínda ven falándonos de anxos e de demos e, en derradeira instancia, pois todo ven ser o mesmo, o mundo está ocupado por egoístas e por altruístas; unhas veces réxeno uns e, noutras ocasións son outros son os que o rexen. A min vénseme antollando en que, os períodos felices, os de benestar colectivo, son aqueles nos que as forzas están equilibradas. Pénsoo así porque, no medio duns e doutros, sempre estamos a xente e, á xente, válennos os epicúreos cando podemos disfrutar da vida e moito é o que nos axudan ós estoicos a sobrelevala cando o vento ven de proa e a marusía nos colle de través; algo que contra toda opinión náutica sucede máis veces das que quixeramos. Pero volvamos a Marco Aurelio, que nos estamos liando.

no libro xi dos seus escritos, o meu admirado emperador de Roma, constata que "os que se desprezan mutuamente, moito se adulan logo os uns ós outros; os que ambicionan avantaxarse os uns ós outros, agora cédense respectivamente o paso". Iso nos advirte no parágrafo 14 dese seu libro. Pouco máis adiante, no parágrafo 17, recoméndanos o que segue: "Examina de ónde ten saído cada cousa, de que elementos se compón, en que outra cousa se ha transmutar, cal será logo de mudada, sen que por elo lle suceda mal ningún". Como non ignoran os meus lectores máis avispados e fieis, as máis das veces, a min váleme tanto un arre coma un xo e leo ós epicúreos cando me vai ben e quero xustificar os meus gozos e recorro ós estoicos cando pintan bastos ou o tempo ameaza con eles, ou sexa, cando veñen mal dadas.

pintan bastos. Regresan os tempos no que o mundo se está a tornar de novo maniqueo e todo empeza, tamén de novo, a ser branco e negro e exento de matices, de xeito que bos e malos campan ó seu aire e todo está demasiado claro. Malos tempos prá lírica e prós galegos. Nós amamos os tons grises, a súa variedade de matices e non estamos a gusto nin cun día demasiado claro e diáfano, nin con outro que veña coma un de aí atras no que a choiva batía en horizontal. Pra nós, Deus segue sendo bo... pero o demo non é malo; por iso, adoito lle prendemos unha vela a un e outra ó outro. Veñen tempos cheos de maniqueísmos, ben que o lamento. Veremos coma o que nos advirte Marco Aurelio neses seus dos parágrafos citados máis enriba se vai cumprir de novo e poderemos constatar como no medio imos volver estar nós, crendo saber de que lado estamos... e ise seguro que non ha ser o propio noso. O malo do caso é que vaise cumprir de novo a advertencia de Marco Aurelio. Refírome agora á que nos fai no parágrafo 39 do mesmo e xa devandito libro cando nos recorda que "Dicía Sócrates: "Que desexades? Ter almas de seres racionais ou de irracionais? -De racionais. -De que seres racionais? dos bos ou dos malos? -Dos bos. -Por que, pois, non as buscades? -Porque xa as temos. -Daquela, a que andades rifando e porfiando?". E así seguiremos rifando e porfiando entre nós, polos séculos dos séculos. Debe ser que esa e non outra é a nosa condición, pero algunha vez teremos que optar e poñernos todos nós de acordo; nós, os galegos.

ESCRITOR, PREMIO NADAL E NACIONAL DE LITERATURA