El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

a pousada no camiño

XOÁN ANTÓN PÉREZ-LEMA (*)

Galicia recada abondo

14.10.2018 
A- A+

Constitúe un lugar común para a meirande parte da opinión publicada que Galicia sobrevive subsidiada. Seríamos, xa que logo, uns pobriños aos que nos interesaría a máxima centralización do ingreso público. O prezo por esa caridade sería non confiar nunha Galicia próspera dende a nosa propia iniciativa. Máis ou menos "... non vos interesa o autogoberno nin o autodesenvolvemento económico, senón a máxima presenza do Estado en Galicia.".

E non hai tal. O mito da Galicia subsidiada é unha ladaíña. Porque, segundo fontes da propia Axencia Tributaria estatal, a recadación estatal na Galicia no 2016 acadou os 13,1 M€ e no 2017 os 13,2 M€. A recadación autonômica acadou ambos os dous anos aproximadamente os 0,22 M€. É dicir, recádanse na Galicia case 13,5 M€, sen contar a dos Concellos. Os orzamentos da Xunta acadaron no 2017 10,8 M€, mais 1,8 M€ foron achegados pola dèbeda pública. Velaí que no 2017 case 4,5 M€ constitúan o " excedente". Este excedente ten que pagar os gastos do Estado na Galicia: prestacións por desemprego, reparacións en obras de interese xeral, policía e Defensa... Mais é evidente que o Estado non gasta neste país 4,4 ou 4,5M€ /ano para financiaren as súas competencias. Temos evidente superávit .

Para máis, no financiamento local España non distribúe os fondos para axudar aos concellos por países ou territorios, senón priorizando os concellos máis poboados. Xa saben, aquilo tan español de "caballo grande ande o no ande". Das resultas desta arbitrariedade os galegos perdemos 500 M€ /ano, porque no canto do 5,2% que nos cómpre por poboación recebimos o 3,1%. Non queremos solidariedade, queremos o que nos pertence.

A tarifa electrica penaliza a produción e beneficia aos territorios de grande consumo doméstico, como Madrid. Exportamos case un 40% de enerxía que ben podería valer para achegarmos investimentos industriais exteriores.Pola contra, ninguén pode confundir as pensións nesta lea. Misturar impostos con pensións é demagóxico. Porque os tributos ou a tarifa eléctrica son cuestións territoriais, mais as pensións son dereitos gañados individualmente. No caso das pensionistas galegas gañadas en Euskadi, Madrid, Suiza, Alemaña ou Bós Aires.

Recadamos abondo. Velaí que nos saia a conta aplicarmos a teoría que enunciou hai anos o vicepresidente Carlos Mella cando defendía o réxime fiscal vasco para Galicia. Dicía, no esencial..."primeiro recado, despois pregunto...e despois xa farei contas co Estado".

(*) O AUTOR É AVOGADO