El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

JOAN RIBOT

É a educación, estúpido

02.12.2019 
A- A+

NON teño seguridade de que sexa así, pero contáronmo como certo. Nalgunhas estacións dun país nórdico pode entrarse ao metro por dúas escaleiras. Nunhas mecánicas, introducindo o billete; e noutras non mecánicas, sen este para quen non pode pagalo. A persoa que viu isto preguntou á xefa de estación se había moita xente que aproveitaba este sistema para viaxar de balde, recibindo como resposta: Por que ían facelo?

Quen podían pagar non utilizaban a escaleira prevista para quen non tiña cartos, porque tiñan asumido que só era para quen carecía deles. De non telos utilizarían a outra escaleira orgullosos da súa cidade, na que o dereito á mobilidade é universal grazas á contribución de todos.

O nome disto podería ser conciencia cívica ou educación, pois a conduta polo xeral depende máis desta última que da lei. Mentres o que temos interiorizado (educación) facémolo porque queremos, o que din a lei as veces facémolo só por evitar unha sanción.

A finais dos 90, Yeltsin dixo que pasar dun país comunista a un democrático levaríalles unha xeración. Cambiar a mentalidade, mamada dende o nacemento, de recibilo todo do Estado para emprender ou deixar de desconfiar de todos para non acabar no cárcere, non é fácil. É unha cuestión tan vital que non desaparece pola caída dun réxime.

A conduta na esfera cidadá e política depende da lei, pero tamén -senón máis- da educación. Igual que no eido familiar, profesional, social ou económico. Xa pode haber leis e máis leis sobre a ecoloxía, o respecto á vida humana cativa ou grande, contra a violencia de xénero, a corrupción etc que, senón son interiorizadas polos cidadáns, terán unha eficacia relativa. Sen educación as leis (necesarias) non chegan onde desexarían.

Lembro unha conversa cun antigo reitor da USC na que comentou que a universidade non podía limitarse a formar profesionais. Se dela saían avogados, médicos, etc., ben preparados profesionalmente pero coa única ambición de gañar cartos, de que servía? Imos lanzar iso á sociedade? Na campaña electoral que lle levou á presidencia de EE. UU., Bill Clinton repetiu e repetiu: É a economía, estúpido! Da educación podería dicirse iso e máis.

Técnico da Seguridade Social