El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

flash

JOAN RIBOT

Pensamento máxico

12.01.2019 
A- A+

O COMEZO dun novo ano sempre esperta a ilusión de cousas marabillosas. Como se o novo díxito fora quen de satisfacer os nosos soños, sen necesidade de poñer nada da nosa parte. Por isto a frase máis repetida de finais de decembro foi o feliz 2019! Aínda que a psicóloga Mirta Médici o ve diferente, como amosa un texto seu que me achegaron.

Non te desexo un ano marabilloso onde todo sexa bo -dicía-. Este é un pensamento máxico, infantil, utópico. Deséxoche que te atrevas a mirarte, e que te queiras como es. Que teñas o suficiente amor propio para loitar moitas batallas, e a humildade para saber que hai batallas imposibles de gañar, polas cales non paga a pena loitar.

Deséxoche que podas aceptar que hai realidades que son inmodificables e outras, que se corres do lugar da queixa, poderás cambiar. Que non che permitas o non podo e recoñezas o non quero.

Deséxoche que escoites a túa verdade, e que a digas, coa plena conciencia que é só a túa verdade, non a do outro. Que te expoñas ao que temes, porque es a única maneira de vencer ao medo.

Que aprendas a tolerar as manchas negras do outro, porque tamén tes as túas, e iso anula a posibilidade de reclamar. Quen non te condenes por equivocarte: non es todopoderoso. Que medres, ata e cando queiras.

Non te desexo que o 2019 te traia felicidade. Deséxoche que logres ser feliz, sexa cal sexa a realidade que te toque vivir. Que a felicidade sexa o camiño, non a meta...

As palabras de Mirta son un exercicio de realismo. Por moito que o tentemos, algúns asuntos non os podemos cambiar. Pero outros máis pequenos, si. E a estes son aos que debemos dirixir as nosas enerxías.

Hai atitudes que non cambian o mundo, pero o melloran. Como escapar do lugar da queixa, que non arranxa nada; ou aprender a pasar por alto os defectos alleos, como nos gusta que fagan cos nosos.

Para que os grandes soños se convertan en realidade, non poden quedar en algo abstracto. A xenerosidade, a tenrura e o optimismo melloran os espazos (humanos) polos que nos movemos, comezando polo que levamos dentro. O egoísmo, destrúeos. O mundo soñado é a suma de millóns de pequenos espazos soñados.

Técnico da Seguridade Social