El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

bágoas de crocodilo

JUAN L. BLANCO VALDÉS

Primos hermanos

12.01.2019 
A- A+

Saíndo ou entrando a Galicia por estrada, pregúntome moitas veces se, a ollos dun estranxeiro, ou mesmo un español non galego, se apreciarían diferenzas (de paisaxe, orografía, na habitación humana...) entre, Lugo, Ourense ou Pontevedra e León, Asturias, Zamora ou o norte de Portugal. En todas as zonas de fronteira perméanse as linguas e os costumes, de xeito que as lindes políticas ou administrativas son por veces mouteiras máis teóricas que reais. Polo demais, ben se sabe que nisto das identidades, e máis nun país no que, por tal motivo, levamos séculos a gorrazos, hai para todos os gustos e que se a un fulano de Castropol ou a outro de Vilafranca do Bierzo se lles encaixa nos miolos sentírense galegos pois con esta nación se identifican máis, alá eles e as súas razóns, que maiores dislates se perpetran todos os días e ninguén chía.

Neste particular matinaba eu nunha recente e moi agradable excursión polos impresionantes Picos de Europa, que precisamente en 2018 cumpriron cen anos como Parque Nacional (o primeiro fundado en España e, asómbrese vostede, o segundo do mundo, tras Yellowstone, en 1872). Dende Po de Cabrales, como centro de operacións, despregamos diversos desprazamentos a base de bota, suor e mochila, gozando dunha natureza brava e das vistas dunha unha montaña sobrecolledora, pétrea e vertical que (síntoo ben polos chauvinistas) deixa achaparrado o cumio máis alto de Galicia. Na senda que discorre pola garganta do río Cares (senda, por certo, pegada ao esfragadoiro e non recomendable para todos os públicos), tiven a sensación de recorrer un mundo de soños tallado por titáns a golpe de ciclópeo cicel. Pero, ao que ía, que eu axiña prendo nunha silva. Lembraba eu, nesta bendita terra, iso de que gallegos y asturianos, primos hermanos. Non negarei unha certa identidade en moitas cousas, tanto máis intensa canto máis ao oeste de Asturias. Pero existen sensibles diferenzas. O modelo arquitectónico que ofrecen estas zonas turísticas de Asturias é, en liñas xerais, exemplar e pon, ao meu modo de ver, branco sobre negro na cuestión do feísmo de Galicia. Paseando por Asiegu, Arenas de Cabrales, Tresviso, Bulnes, Sotres..., e gozando do mimo e respecto que nestas aldeas e vilas se manifesta a unha sabia tradición construtiva, dóeme no corazón que o abochornante cataclismo urbanístico das vilas e aldeas do meu país sexa, xa, un camiño sen retorno.

EDITOR E ESCRITOR