El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

A SON DE MAR

JUAN SALGADO

O bucle do nacionalismo irredento

15.04.2019 
A- A+

ALGÚN INTELECTUAL recén acaido no xogo da política partidista -afouteza que sempre cómpre gabar- ven de construir un tan pretendidamente ben artellado como simplista discurso de defensa do seu, centrado no recurrente e atávico sometimento a Madrid, do que culpa ao Piñeirismo pola súa claudicación e non belixerancia activa.

Non é novo tal xeito de enxuiciar a política do País nin tampouco a demonización do Piñeirismo ao situalo nunha sorte de renuncia que, pese ás críticas, ten feito pola Galicia oprimida bastante máis que todos eses milagres ideolóxicos, tan ben agochados no frasco das esencias que mesmo parecen incapaces de sair do seu icónico labirinto.

Aínda máis, cando se queren desbotar as responsabilidades propias no asolagamento do sentimento nacionalista en razón exclusiva da pesada bota do centralismo que todo o afoga, compriría engadir se non é igual de irresponsable mimetizar políticas feitas por outros nacionalismos con moi diferentes inteseses dos que compre defender dende esta beira do Atlántico.

Certo que Realidade Galega prestou lexitimidade a un PP fraguiano que, compre dicir de seguido, en nada se parece ao de agora. Mesmo a lexitimación que poidera albiscarse neste intre non está tanto no errado da estratexia piñeirista do posible, canto no torticeiro uso que se lle da ás sinecuras que posibilitou como contrapartida, á peaxe que se segue a cobrar en razón desa lexitimación.

Poida que, en efecto, algúns inxenuos caisen engaiolados polo feitizo daquel agora demonizado "prestidixitador ideolóxico" que, consciente dos tempos, aplazou a demanda soberana do País en aras dunha praxe que aconsellaba máis intelixencia que rebeldía, máis estratexia que carraxe. Mais non deixa de ser certo tamén que, cal plácido líquido amniótico, boa parte da chamada intelectualidade nacionalista atópase feliz nos poucos pero sinalados cubículos que aquela política fixo posible, sen que, pola contra, sexan capaces dende ahí de artellar outras políticas de convicción da sociedade.

Habería que preguntarse, a contrario sensu, se os mesías desta tan reclamada autodeterminación, federalista en tempos máis acordes co sentir galego e reconvertida agora por simple afán mimético ao republicanismo independente -U-lo debate de tal xiro?-, non seguirán no repetido bucle da historia. É de estranar que, nesa total ausencia de autocrítica, todas as culpas veñan de fóra -eis unha das eivas do nacionalismo- e non da irresponsabilidade á que conducen os liderados mesiánicos de costas á cidadanía.

É certo que erraron os que creeron nos cantos de serea desa nova esquerda de laboratorio xurdida dende a universidade madrileña á que pronto se lle viron as descosuras. Máis compriría preguntarse que parte de culpa tivo o nacionalismo galego en que medraran eses outros idealismos de salón.

Do mesmo xeito que vai sendo de vez que cantos se reservan para sí as esencias soberáns do País aterren tanto no pragmatismo piñeirista como en algo esencial en política: concordar as propias ideas co pensar da cidadanía. Mentres sigan na campá de cristal, por moi de raza que se sintan, seguirase á percura soio de "desencantados". Ou xa non é o povo quem mais ordena?

jsalgado@telefonica.net