El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Mª DO CARME GARCÍA-NEGRO

Lexislación disparatada

08.07.2019 
A- A+

DESDE Madrid, ás veces, e querendo facelo ben, meten a zoca en lexislación de forma moi notábel (a metedura de zoca, non a lexislación). Hai dous casos de actualidade que dan conta do disparate.

Un é o Real Decreto lei 8/2019 de rexisto diario da xornada laboral, feito coa boa intención de rexistar e obrigar a pagar as horas extras. É unha intención louvábel onde haxa. Estamos completamente de acordo con que se pague todo o traballado e, se son horas extra, con maior motivo. Podería empezar a administración pública a dar exemplo. Non digo que non pague as horas extras, non, é que se non contrata ninguén para substituír as ausencias, ou as baixas ou as vacacións, xa non fai falla pagar. Pero agora, ao funcionar a inspección de traballo e perseguir os que non rexistan nen pagan, pode render o exemplo, promovendo á propia administración do Estado a ser exemplar.

Agora ben, dicer desde Madrid que se debe aplicar esta norma sen máis miramentos, por exemplo, ao traballo de pesca, sen teren en conta e especificidade dos procesos de pesca, é disparatado. A pesca, a actividade económica pesqueira, ten un rexime especial de contratación, unha lexislación laboral propria que vai desde o acceso ao tipo de contratos, á seguridade social (rexime especial dos traballadores do mar, ‘Instituto Social da Mariña’) até o cómputo para xubilación dos anos de cotización. E agora, por virtude da precipitación e do descoñecemento, así como da suposta boa intención (aquela que encheu o inferno de bons), lexislaron sen teren nen idea da imposibilidade de aplicación.

No caso da pesca, en Galiza hai unha competencia exclusiva desas que están no Estatuto de Autonomía (rango de Lei Orgánica do Estado español) que outorga ao Goberno galego a regulamentación exclusiva da pesca de baixura. A pesca do polbo con nasas é pesca de baixura. A Consellaría e os pescadores consensuaron un plan de explotación do polbo nas costas galegas, que está en vigor, e que regulamenta vedas, topes de captura, horarios, zonas específicas de procesos de traballo, método de faena, descanso semanal e tallas. No caso dos horarios diarios abranxe 5 días de traballo á semana, descanso semanal de venres 16 h. a luns 6 h., e mesmo na maior parte da costa contémplase a non necesidade de retirada das nasas do caladoiro mesmo no fin de semana. Sae o barco ás 5 h. dun luns de porto (permítese esta marxe), larga as nasas, volta a porto, volve saír ás 14 h., e xa pasou das 8 horas de xornada laboral. Se deben anotar desde as 13 horas, fin de xornada, e as outras como extras, o quilo de polbo deberá ser pago a un mínimo de 75 euros. Vou esperar que o amañen con flexibilidade, aínda que a confianza nun lexislador de decretos e que mete a lei onde non ten competencias dá a pensar moito en improvisación, alegría de BOE, e simulación de goberno.

Un outro disparate para Galiza merece trato á parte: a obriga aos cultivadores eventuais de se daren de alta como autónomos.

Doutora en Economía