El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

tía manuela

LUÍS CELEIRO

Que terá a política?

15.05.2019 
A- A+

ALGO terá a política para que moitos non poidan despegarse dela. Que será? O alcalde de Casillejo de Mesleón, Ricardo Díez Pascual díxoo claramente: "Eu se non mando non son ninguén" e, ao parecer, manda ben. Polo tanto, aos seu 89 anos, volve ser candidato á alcaldía, despois de exercer o cargo ininterrompidamente dende 1964. O Gobernador Civil da provincia nomeouno alcalde do seu pobo e, dende aquela, aí está, "traballando para todas e para todos", mandando e dirixindo como dirixía e mandaba nas ovellas que coidaba cando era mozo aquel pastor segoviano.

Dunha idade semellante, nós, os galegos tamén temos un pastor que pastorea cabras e ovellas pola Serra do Xistral, entalada ou aireada entre a Terra Chá e o Cantábrico do Norte, da Mariña Lucense. Un bendito de noventa anos, Daniel Vizoso, acostumado á inhospitalidade dende meniño e vivindo, na súa propia carne, os cambios atmosféricos permanentes e os outros cambios todos. Tódolos días ao lado das ovellas, reflexionando sobre as cousa da vida e compartíndoo todo con elas e os seus cadelos.

Homes pastoreando a rabañada, coidando de todos e de cada un dos animais, mirando para o voto, sen razóns partidistas, sen intereses espurios, con bondade, con afecto e con claridade. Sempre mirando para adiante, gozando de ver o avance colectivo. Pero, volvendo ao caso, que ten a política para que moitos non queiran despegarse do cargo?

Hai alcaldes en Galicia que o son dende as primeiras eleccións municipais de 1979, sempre gañando con maiorías abundantes. Outros teñen anos e anos de experiencia no mando e hai moitos que lles costa chegar ao final da lexislatura. Hai de todo, incluso tivemos e temos alcaldes que non queren marchar, hai que botalos, empurralos cara a retirada forzosa, co mandato do voto poderoso.

E, tamén hai dos que van e volven, Experimentan a perda de poder e non resisten vivir sen mandar. Ou queren volver para rematar o labor empezado, como Julio González Fernández, aquel alcalde de Navia de Suarna que se presentou ás eleccións despois do franquismo co mesmo programa co que as gañara antes da ditadura. En fin, hai de todo e para todo. Por iso ten razón a Tía Manuela cando reclama respecto e aprecio, "respecto a todos e aprecio a aqueles que cho teñen e que o merecen".

Xornalista