El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

á beira do sar

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Maiorciños, grandiños e velliños

11.01.2020 
A- A+

A PALABRA vello está tan envilecida polos eufemismos que dá pena. Estas substitucións eufemísticas (maior, en vez de vello; terceira idade, en vez de vellez...) non foron demanda popular senón lexicalizacións miméticas excretadas polos facedores do "galego culto" (que risa) que aniñan nesa nova clase social chamada campusinado (os nosos sociólogos aínda non deron con ela). Aí pululan linguócratas que rexeitan non poucos significantes patrimoniais, e escachan os seus significados autóctonos substituíndoos polos dos termos "correspondentes" en castelán. Primeiramente hai que recordar que verbas coma vello e viejo, aínda que poidan ter convencionalmente "o mesmo significado", non teñen igual debullado sémico; todos nós, a pesar da incultura lingüística que cisca o sistema educativo, percibimos matices diferenciais.

Estes días aboia no mar da publicidade un texto inspirado polo ánimo de protección institucional que apostrofa os nosos velliños así: "Xa sodes maiorciños para tomar as vosas decisións", no que non só nos asombra o eufemismo maiorciños, senón o malapropismo que o acompaña. Porque en galego dise grandiños. Tanto no uso substantivo referencial coma no modismo de reconvención irónica na fala doméstica, cando se lles recorda aos nenos que xa algo medraron, e que se espera deles máis sentidiño: Xa sodes grandiños.

Pois tamén van sendo grandiños os filólogos e grafómanos do "noso sistema" para seguiren fochicando impunemente no idioma coma se fose un xoguete roto (que o é). O fenómeno ten a súa desculpa porque, como case todos os galegos estamos maternados en castelán, mantemos resistencia a admitir a verba grandiño xa que temos entrañada desde o berce mayorcito. Unha palabra é un prexuízo, dicía Nietzsche, e moito máis cando nola estampa unha nai.

A doma e castración da semántica do galego mete medo. Sobre todo se pensamos que está provocada polos que non paran de pedir máis cartos para manter a lingua, máis leis para impoñela e máis ortomorfoloxías para afundila e afogala no portugués. Deste vello idioma románico, que foi "a casa do ser" (Heidegger) do pobo galego e da súa cosmovisión durante mil anos, só quedará dentro de nada unha momia que levaremos en helicóptero a Brasil para sermos douscentos millóns de falantes.

E quedarán encantados algúns maiorciños da tribo cultural que queren levar o galego tan lonxe, tan a fóra. Como se diría en modismo idiótico (no sentido etimolóxico) do noso maiorciño maior, acabarán por conseguir que o galego durma fóra.

Escritor