El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

invitado especial

CIBRÁN CANEDO

Os maiores de Touro, de festa

13.08.2018 
A- A+

O CONCELLO DE TOURO reuniu onte en Fonte Díaz aos seus maiores para darlles a tradicional homenaxe. E con esta van xa 26 veces que o Concello, que dirixe Ignacio  Codesido, organiza este encontro ao que acudiron un total de setecentos veciños e veciñas de máis de 60 anos. O inicio da xornada estivo a cargo da Banda de Música Isabel II de Touro e a continuación, os asistentes participaron nunha misa campestre. Xa logo foi o turno do xantar, que se celebrou na zona de servizos de Fonte Díaz, onde se instalou unha gran carpa. Os dous veciños con máis anos, muller e home, recibiron un recoñecemento de mans do alcalde de Touro, Ignacio Codesido e do resto da corporación municipal. A festa estivo amenizada, ao remate do xantar, polo dúo Eva e Camilo ata ben entrada a tarde.

PARECE SER QUE O CONCELLO DE TEO tramita a solicitude para que a feira cabalar de San Martiño, que se celebra no municipio o 11 de novembro, sexa declarada de Interese Turístico de Galicia. De feito o Concello acompañou o expediente da solicitude dun informe de Xosé Manuel González Reboredo, doutor en Historia e membro fundadorr do Padroado do Museodo Pobo Galego. Informe este que xustificaría a importancia da feira dende o punto de vista etnográfico. Dende o Concello corroboran o valor desta festa de cinco séculos de historia, que soubo manterse viva co paso do tempo. Agardemos agora que a ansiada petición chegue a bo porto...