El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

A POUSADA NO CAMIÑO

XOÁN ANTÓN PÉREZ-LEMA

Máis Galicia fronte a Vox

09.12.2018 
A- A+

UN 11 % DO 58 % de andaluces que votou este día fíxoo pola radicalidade extremodereitista de Vox. Case un 6,4 % do censo. Moitísima xente.

A epifanía de Vox veu dada pola propaganda que lle fixeron todos os partidos unionistas. Dende un PSOE que quixo garantir o Goberno andaluz dividindo o voto da dereita ou que lle ven mercando o modelo territorial españolista e uninacional á dereita dende hai máis de 35 anos. Até un PP ou Cs que compiten con Vox a ver quen é máis radical na represión da pluralidade nacional española e da inmigración. O unionismo español asume a axenda de Vox e xoga no seu terreo.

Non dubiden que esta onda vai chegar a Galicia, malia que o presidente Núñez Feijóo semelle non acreditalo. Porque Vox constitúe o cerne do conxunto de ideas e valores dun sector fulcral da dereita española, presente tamén no centro dalgunha das nosas ciudades, nomeadamente Vigo e A Coruña. Presente no PP dende a súa fundación.

Porén, Galicia conta con medios abondo para frear a axenda de Vox. Malia todas as nosas feblezas, agravadas polo dependentismo destes case dez anos de Goberno Feijóo somos unha nación cunha expresión cultural propia e un subsistema político propio. Temos uns intereses sociais e económicos, ben distintos dos dos casteláns, madrileños e andaluces.

Para Galicia a inmigración é unha oportunidade, nunca un problema como semella que algún acreditan que é na Andalucía. Aquí precisamos repatriarmos o talento dos galegos que emigraron e precisamos a achega de xente nova de fóra para pór en valor o noso medio rural. Para Galicia a supresión do seu autogoberno (que propugna Vox) sería unha catástrofe política, económica e social, porque só representamos o 5,5 % do PIB e o 5 % da poboación estatais. Precisamos máis autogoberno, máis Galicia, para sermos máis prósperos, para acadarmos máis benestar.

Velaí que o mellor xeito de pararmos a enxurrada da extrema dereita homófoba, machista e españolista sexa potenciarmos a axenda galega, a defensa dos intereses sociais, económicos e culturais deste noso País. Fronte á extrema dereita máis Galicia.

 O AUTOR É AVOGADO