El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

al sur

MARCELINO AGÍS VILLAVERDE

Unindo culturas

20.05.2019 
A- A+

O pasado venres, día 17 de maio, tivo lugar na Universidade do Porto o II Seminario Internacional de Filosofía e Literatura dedicado ao tema "Portugal-Goa: Os Orientes e os Occidentes", organizado polo Instituto de Filosofía. Os profesores Maria Celeste Natário e Renato Epifânio, principais promotores do evento, explicaron a necesidade de promover un diálogo intercultural entre Oriente e Occidente e, nomeadamente, entre Portugal e Goa, un dos 29 estados da India. Este territorio, situado na zona tropical, perto do Mar Arábigo, chegou ser, a partir do século XVI, capital do Virreinato portugués de Asia, que incluía colonias situadas na India, Malaca, Indonesia, Timor Oriental, o Golfo Pérsico, Macao na China e algunhas bases comerciais no Xapón.

A lingua oficial de Goa é o konkani, aínda que se fala tamén marathi, hindi, inglés e portugués. Lamentablemente, como pasou co español en Filipinas, a lingua portuguesa está a piques de desaparecer en Goa e sobrevive grazas a un idioma criollo local derivado do portugués que aínda se emprega bastante.

O congreso reuniu a expertos en literatura, filosofía e etnografía que falaron dos lazos culturais e históricos que unen a estes territorios do Oriente e no Occidente. Estaría ben organizar un coloquio dedicado ao tema Galicia e Portugal: tan perto e tan lonxe. Sería a forma comezar a recuperar ese legado común, lingüístico e afectivo, que a historia se encargou de afastar, ata hoxe.

Catedrático de Filosofía