El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

NEGRO SOBRE BLANCO

MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO

A economía, sempre a economía

19.08.2019 
A- A+

AÍNDA que non quixeramos falar de economía, que puidésemos nos dedicar só a temas de contido unicamente político ou social no seu amplo sentido, remataríamos atopando a causa (ou, no seu caso, consecuencias) económica como pano de fondo da vida diaria, da historia das nosas cidades ou da historia patria en termos máis amplos. Neste momento de parálise política é grande a responsabilidade da ausencia de decisións de política económica, porque afectan á vida dos cidadáns de moi diversa maneira.

Unha parte dos efeitos negativos é por falta de actos gobernativos, e outra, non menos importante, débese á ausencia de accións positivas: lexislación imprescindíbel para lle facer fronte ao momento económico internacional. No que respeita aos aspectos de política económica intra-Estado, o feito grave de non ter orzamentos estatais aprobados a día de hoxe, e máis con poucas perspectivas de selo no período legal normal, afecta aos orzamentos da Xunta, aos plans compartidos co Estado, á negociación do financiamento autonómico novo que está en suspenso, ás transferencias de novas competencias, ao deseño de cofinanciamento de plans futuros, ás discusións de innovación de investimentos pendentes, ás dotacións de empregos públicos da Administración do Estado en Galiza, polo tanto, ao emprego público; por tanto, á desaparición dunha parte do paro, así como á contribución a participar na investigación e no seu novo financiamento, accións imprescindíbeis para a recuperación de emigrados de alta cualificación. Mesmo afecta á nosa vida o feito de que non se programen en política exterior novos contratos públicos (por exemplo, en construción naval) ou calquera outro encargo empresarial que requira acción estatal...

No plano internacional, semella que a preocupación das empresas e dos traballadores afectados polo brexit está esperando un bon ou un mal acordo que forme goberno dunha vez, para esquecer a provisionalidade dun executivo en funcións, o que quer dicer en precario. A economía non se pára, os que están desinvestindo en España non van regresar cando ao PSOE se lle acorde empezar as tarefas en serio. Os emigrados galegos -e d­outros países do Estado- que viven no Reino Unido, tremen por se sentiren nun 'adosado' ou 'sandwich': por unha parte, o a­loucado de Boris Jhonson e, pola outra, a nada de goberno español. Como dicíamos, a economía non se pára e aqueloutros Estados da actual UE con accións de goberno planificadas constitúen unha garantía para os seus cidadáns e, por riba, son ben mirados polos comunitarios. Non é só Alemaña, Portugal tamén nos pode valer de caso exemplar. O problema futuro do 'Brexit' non é tanto os efeitos inmediatos como ter desaproveitado unha ocasión que outros traballaron como unha oportunidade. Neste caso, as accións do goberno son imprescindíbeis para garantir relacións de futuro menos lesivas -no plano dos cidadáns- e de posíbel lucro para as empresas.

Tamén no plano internacional o goberno do Estado debería ter unha previsión de actuación cara á guerra comercial de dous elefantes: EEUU e China. Pódese argumentar que calquera acción non poderá paliar as lesións que imos sofrer como menos poderosos no mercado mundial. Certo, pero ter tomado medidas preventivas non vai -en nengún caso- apiorar os efeitos.

Doutora en Economía