El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

enfiando

AFONSO EIRÉ

Os master como símbolo

15.09.2018 
A- A+

O das dimisións dos master é algo así como a válvula de seguridade das potas a presión. Uuuf, ufff, uuff..., botan o vapor cando a presión xa é moita, pero a pota sigue cocendo. E todos quedamos moi tranquilos. "A sociedade non tolera estas prácticas", dinnos. E crémolo. "É unha mostra máis da calidade da nosa vida democrática", aventoan os altofalantes. E nós imos e tamén o creemos.

Quedámonos ollando cara o vapor, quedamos. Pero o problema non son aquelas persoas que se saltan as regras senón o propio sistema. Ou, dito doutra maneira: o problema non son aquelas persoas as que lles regalan os master, ou as que copian, o problema está no propio sistema educativo: privado contra público.

Comezamos polo principio con algúns datos para tratar de entender o que eu digo.

No Estado español, só o 68% do ensino é público, cando no resto da UE é o 81%. Así que estamos á cabeza de Europa no ensino concertado pagado con fondos públicos, co diñeiro de todos. Segundo Children, o 30% dos fogares españois non contan cos recursos necesarios para o cuidado dos seus fillos.

O 68% dos centros concertados son da igrexa Católica.

Vaiamos as universidades. No Estado español existían 83 universidades, 50 de titularidade pública e 33 de titularidade privada. E digo existían pois cada ano aparece unha nova universidade privada. Hoxe temos cinco veces máis universidades que no 1995.

Estas universidades privadas aparecen, senlleiramente, en Madrid, o que tampouco é ningunha casualidade.

Imos aos master: un de cada tres master danse na universidades privadas. Se comparamos o alumnado das universidades privadas coas universidades públicas e os master, atopámonos con que só o 10% do alumnado universitario español estuda nas universidades privadas.

No ano 2014, impartíronse 1.548534 master e cada ano aumentaron en máis dun 10%. Quen cursa estes master? Quen pode pagalos.

Pero o problema radica en que, en moitas carreiras, se non fas un master, estas non che serven para nada. E, mesmo, para ser profesor de secundaria, agora, tes que facer un master. E como non hai prazas suficientes na universidade pública, pois teñen a obriga de ir a privada.

A situación é lóxica. O ensino sempre foi a vía de ascenso social. Como nun determinado momento aínda as clases medias baixas tiveron acceso ao ensino universitario, as clases dirixentes deseñaron unha fórmula para poder rachar a hipotética igualdade de oportunidades. E esa diferenciación comeza desde abaixo. Desde as gardarías... Só que esa diferenciación pagámola cos cartos de todos.

Os master só son a última "trampa". E os "tramposos dentro da trampa" unha anécdota. O problema está no ensino e no sistema deseñado para perpetuar a clase dominante.

Xornalista