El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Bágoas de crocodilo

JUAN L. BLANCO VALDÉS

Os meus pobres libros

21.09.2019 
A- A+

a teima de luxar tapias e paredes inmaculadamente brancas con todo xénero de parvadas é tan vella como o ser humano. Por veces, esas parvadas non o son tanto e, malia que con certeza non fose a intención do grafiteiro, invitan a unha reflexión. Hai pouco, facendo o paseo que percorre paralelamente a fermosísima praia de Langosteira, en Fisterra, atopei un destes textos parietais que, escrito con torpe caligrafía, o cal denotaba a pouca idade do escribente ou a súa cativeza mental, declaraba: Leer es de maricas. Alguén (acaso un libreiro local, un profesor de ensino secundario ou, quen sabe, mesmo un simple lector) antepuxo á oración o adverbio negativo (NO Leer es de maricas) co que quedaba a cousa, ao meu xuízo, un chisco maniquea, pois nin ler é preventivo contra os males do século (o lugartenente de Himmler na SS, Reinhard Heydrich, era un lector impenitente) nin non ler síntoma inequívoco de pobreza vital.

Obsérvese que, tomado o vocábulo marica na súa acepción vulgar de, digamos, 'privado dos atributos animais da masculinidade' (é dicir, forza, ousadía, machismo, chulería...), o pensamento asocia ler cunha máxima perda de tempo, doadamente substituíble por, por exemplo, drogarse, beber, tunear o coche, fe en Dios e ferro a fondo e, por suposto e ante todo, pasar pola pedra a canta gachí se poña por diante, mesmo, de ser o caso, constituíndose en manada e rexistrando a escena co móbil. Sen chegar a tales extremos, é o certo que nos barómetros de lectura que anualmente fai públicos a federación de gremios de editores, ler ocupa, de entre todas as actividades de lecer dos adolescentes españois, a última posición, por riba só de non facer nada (literal). É dicir, mellor ler que non facer nada.

Pero, que é ler? Somos inxustos cando dicimos que os rapaces de hoxe non len. Pero se botan o día lendo e escribindo! Ben, lendo e escribindo guasaps, é dicir, pouco máis que ideogramas, afección que probablemente non é a mellor rutina para exercitar unha mente aberta e panorámica. Ler, claro, para boa parte da humanidade que aínda existe é o que era antes do nacemento da comunicación dixital, acelerada, evanescente e fugaz. Ler era algo tinguido de romanticismo, como vivir nun faro remoto: ler era afondarse nas aventuras de Shanti Andía, nas dúbidas de don Fermín de Pas ou nos bosques do último mohicano, unha oferta hoxe ben pouco atractiva, non sendo para maricas. Ai, o inexorable ritmo da clepsidra e as mudanzas do mundo! Cando contemplo os milleiros de amigos, vellos amigos, da miña biblioteca pregúntome que vai ser deles!

 

 EDITOR E ESCRITOR