El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

os carrouchos

MILAGROS FERNÁNDEZ

Relustros musicais

16.03.2019 
A- A+

NON se considera como é debido a poderosa forza evocadora da música. Dáselle ao sentido do olfacto o protagonismo absoluto das lembranzas, mais vai sendo hora de atribuírlle á memoria musical o seu saliente. O grande compositor brasileiro Heitor Villa-Lobos (1887-1959) teimaba en que A música é tão útil quanto o pão e a água. Co doutor Jordi Peña-Casanova conversabamos nun congreso hai uns anos da función percusora da música en pacientes con alzheimer. Falaba el de doentes galegos en Barcelona que axiña reaccionaban a detonantes de alalás, alboradas ou muiñeiras. Faise obrigado constatarmos a indudable aplicación terapéutica da música como fonte provocadora de vida comunicativa, función xa asumida nos estudos timidamente implantados de Musicoterapia que tanto deben á a­cción divulgativa de Oliver Sacks (1933-2015), sobre todo no seu portentoso libro Musicofilia (2009, Anagrama).

Os mecanismos de procesamento da memoria son complexos. Como é que chegamos a esas lembranzas e non a outras, non é doado de explicar. Hai quen di que se recordamos tempos ou sitios é porque van asociados a persoas. Pode ser. A premio Nobel, Alice Munro, sempre penetrante, establece rangos cando escribe "Na vida tés uns cantos sitios, ou quizais un só, onde pasou algo; e despois están todos os demais sitios" (2009, Demasiada felicidad, Anagrama).

Nese proceso selectivo que peneira o pasado hai escoitas musicais que sen querer achegan momentos, lugares e xente. A Danza Húngara nº 5 de Johannes Brahms (1833-1897) vólveme redivivos aqueles despertares na adolescencia neboenta no internado de Ourense. Abondan uns acordes de Morning has broken (1971) de Cat Stevens para vérmonos no bar con Jukebox e empanadillas nos domingos devalados con saída ata as cinco da tarde. Co Kodachrome (1973) de Paul Simon figúrome en Elgóibar coa querida Mari Carmen, naquela tenda de soños e electrodomésticos na que a miña amiga despachaba. O Killing me softly with his song (1973) de Roberta Flack trasládame felizmente ás tardes-noites na discoteca Chispas de Verín. O Jungleland (1975) de Bruce Springsteen sempre fai que debuxe con claridade o piso de Fernando III no que vivín e que incluso lembre o tipo de iode que estudaba en Historia do español. Eran tempos aqueles de abrir furados e deixar de morder nas unllas.

Nunha colaboración recente (Agua de lluvia, El País, 26/02/2019), o escritor e cineasta, David Trueba, rende homenaxe ao falecido Stanley Donen e salienta o valor de Cantando bajo la lluvia (1952) polo pouso que o filme deixou. Esa película, escribe, está na memoria colectiva porque anos atrás irmos ao cine requiría un ritual vagaroso. Mais esqueceu Trueba que a película ten raizame sobre todo porque é un musical. As bandas sonoras deixan pegada, ben o saben os publicistas en medios audiovisuais.

As propiedades terapéuticas e de a­ctivación de atención e lembranzas non minguan o caudal pracenteiro das escoitas musicais. Poden probar e ser quen de converter en real o dito de que "A música amansa ás feras" cambiando de canal. Os almorzos en Radio Clásica coa compaña de Martín Llade no programa Sinfonía de la mañana garanten a boa dixestión e unha mente positiva.

Catedrática de Lingüística na USC