El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

CARTAS ASOMBRADAS

CAETANO DÍAZ

A nena que bailaba coas vacas en fisteus

08.12.2019 
A- A+

A Lupe Gómez, poeta //

Ilustración de JOSÉ LUIS ESTÉVEZ

FOTO: Ilustración de JOSÉ LUIS ESTÉVEZ

Se Uxío Novoneyra, o colosal vate do Courel, saudou a túa aparición na república das letras matrias entronizándote como a Rosalía do século XX, pouco máis nos queda que dicir amén. Dicimos amén, si, cando Antón Lopo, gran gurú do noso Gurugú poético, aloumiña o teu alento creador, Lupe, coa maxia do orfebre e a precisión do editor enormísimo.

Mentres febreiro marchaba -xa choveu-, recibín no WhatsApp, a única rede social coa que peco, dous haikus deses que galopan cara ao corazón: Galicia é unha nena morta mirando a paisaxe dos cabalos luminosos, dicía un; o paraíso canta cos puños felices dunha nena morta, inquietaba o outro. E imaxineite, poeta, percorrendo os camiños de Fisteus, patria irrenunciable, acariñada pola néboa e pola choiva, mirando dentro dos ollos das vacas, recitándolles no luminoso inglés do teu admirado John Berger -ao que lle mandabas árbores brancas-, mentres elas, as vacas, che escoitaban con atención: inside the political stomach of cows!

Entretanto foron collendo corpo a edición galego-inglesa de Camouflage, as edicións en castelán de Pornografía e de Camuflaje, e outro poemario aínda inédito, Caracois de Belvís, no que deitas o teu compromiso feminista nun verso que é unha coitelada no corazón do heteropatriarcado: As mulleres somos unha explanada. Amén, santa Lupe de Fisteus. Amén, recitadora de textos evanxélicos que repenican nos templos de Compostela. Amén, bailarina espiritual. Amén, amiga do cuco, que canta para ti todas as primaveras.

Contáchesme, cando morría o verán, que os teus poemas en castelán fanche rir, que soan distintos e que ás vacas tamén lles estraña que non llos recites en galego. E agora alumas o Nadal con Fosforescencias, a túa reinterpretación dos haikus xaponeses para contarnos o mundo dende os teus mundos, Lupe, nunha delicada edición ao coidado de Henrique Alvarellos, outro grande, sacerdote laico da tribo que recupera e custodia a nosa memoria cultural.

Aí estás ti, sempre transgresora -non son nin guapa / nin fea. / Son violenta- e ao tempo gardesa dos tesouros desa Galicia rural aínda católica e conservadora, libérrima na reivindicación do amor e do sexo, retranqueira e deslenguada, desesperada e rabiosa, namorada e coa forza dos leóns, sangrando tanto coma un home... ou máis.

Que as árbores de Galicia toda crezan dentro de ti e que as vacas de Fisteus che miren sempre con ollos cómplices, poeta. Sigue con saúde.

 

Reivindicación da boa política

A Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra // 

Digo eu que convén escoitar con atención a alguén que foi capaz de transformar aquela Pontevedra dos lumes e dos cheiros nesta Pontevedra que abraia ao planeta coa súa multipremiada receita de respecto ambiental. Convén, si, tomar boa nota das reflexións dun político nacionalista que sabe xestionar, e que mantén un compromiso exemplar e coherente coa sostibilidade.

Participou este mércores pasado nunha mesa redonda do cumio da ONU, don Miguel Anxo, e falou sobre urbanismo e clima; volveu onte a Madrid como ponente para afondar sobre as políticas municipais fronte á contaminación atmosférica e o cambio climático. Está na pomada do ecoloxismo, ou sexa.

Paréceme a min que as receitas que defende veñen envoltas en sentido común. Comparto a súa reivindicación da política, da boa política ao servizo da sociedade, nestes tempos de balbordo, confusión e descrédito, señor Fernández Lores, e penso, coma vostede, que as solucións para os problemas teñen que ser políticas e que non hai escusas para non tomalas, para non exercer cada quen as súas responsabilidades.

Con esa folla de ruta, valente e responsable, o Foro de Salzsburgo incluíuno no exclusivo club das dez persoas que fan un futuro mellor, un mellor mundo. Os seus méritos son incontestables, don Miguel Anxo: para comezar, coas súas políticas reduciu nun 66 % as emisións de CO2 en Pontevedra e, o mellor de todo, devolveulles a cidade ás persoas.

Os pontevedreses recuperaron o orgullo, e a radical transformación que vostede lidera resumiuna The Guardian nun titular redondo: Pontevedra é un paraíso. Non será para tanto, ou si, pero é para moito.

Parabéns, alcalde!

 

Sic transit gloria mundi

Xosé Manuel Beiras, pai das mareas, en TV3: "Usar o poder do Estado contra cidadáns indefensos, iso é fascismo. O ataque á cidadanía que votaba pacificamente, desobedecendo cívicamente o 1-O... iso é fascismo coma o dos nazis. Punto".

O líder máis importante do nacionalismo galego dende Castelao vive cada día máis retirado, pero non se resigna a ser xarrón chinés. En Barcelona sacou o seu xenio leonado cando a periodista Anna Grau o provocou cunha boutade: "A vostede vaille máis a marcha que a democracia". Infame ocorrencia dalguén que descoñece as contribucións de Beiras para saírmos da longa noite de pedra e para construír u­nha Galicia con voz propia.

 

Javier del Pino, director en la Ser del A vivir que son dos días, en El País: "Hace veinticinco años que no se renuevan los formatos informativos en la radio española. Hacer un informativo es muy sencillo si lo haces mal y es muy complicado si lo haces bien, y yo todavía estoy esperando escuchar un buen informativo".

Lo que pide este periodista alérgico a la naftalina es que la prensa cuente los efectos de la política sobre la vida de la gente, que narre un contexto y no las acciones de los políticos a mayor gloria de ellos mismos. A ver.