El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SENÉN BARRO

Que non quede ninguén sen aprender

09.12.2018 
A- A+

HAI uns días un medio nacional contábanos que unha empresa farmacéutica, Aspen Pharmacare, obrigaba aos hospitais españois a comprarlle varios medicamentos anticanceríxenos en países estranxeiros nos que podía cobrar ata 30 veces máis que aquí. Son medicamentos considerados imprescindibles polos expertos ao carecer de alternativas para os tratamentos aos que se orientan. Pareceume indignante, pero aínda máis me acenderon as declaracións dun alto directivo da compañía respecto do modus operandi da mesma. Tal como el mesmo o explicaba, a súa empresa non investiga senón que "determina de maneira moi intelixente as necesidades [de medicamentos] de certos mercados". O certo é que repúgname que esa intelixencia se aplique á especulación e non á investigación.

Uns días antes un dos youtubers de moda, que se fai chamar TheGrefg, declaraba noutro xornal: "Doar o que gaño por amor ao meu país... non o vexo". Por certo, na mesma entrevista aclaraba o significado que ten para el a palabra doar: "Encantaríame dar exemplo pagando os meus impostos no meu país, pero teño que mirar por min mesmo", de modo que decidiu facelo en Andorra. O paradoxal do caso, é que tamén dicía ser consciente de que moitos dos seus seguidores na internet "collen o seu exemplo" e que por iso sente que ten case unha obriga pedagóxica con eles. Pois a verdade, non fai falta que leve esa responsabilidade ás súas costas, xa que non creo que o seu sexa un bo exemplo para os nosos mozos.

Casos como estes son legais pero non son, ao meu xuizo, éticos. A ética refírese ao que ha de facerse por ser bo ou virtuoso, pero non por ser esixido polas leis vixentes. Por tanto, o seu cumprimento debe ser por convicción e non por imposición, polo que non vexo outra forma de facelo que non sexa o exemplo e a educación.

Educar no respecto e compromiso cos criterios e códigos éticos leva moito tempo e para iso é necesaria a educación e o exemplo da tribo enteira, como di un coñecido aforismo africano. Ademais, este frenético mundo noso está tensionando e cuestionando as nosas referencias éticas como nunca ata agora. Pensemos no moi recente caso da suposta modificación xenética de dúas xemelgas en China, que de confirmarse sería un claro exemplo de euxenesia. A Intelixencia Artificial é outro ámbito que sacudirá o mundo. Por iso busco que os meus estudantes non só aprendan Intelixencia Artificial senón que pensen nela con visión crítica. Que reflexionen individual e colectivamente nas repercusións económicas, sociais, éticas ou laborais dun mundo no que habemos de convivir persoas e máquinas e os seus máis variados híbridos.

Que non quede ninguén sen aprender, dise na fermosa canción de Carlos Puebla, O Son da Alfabetización. Que así sexa, e tamén que quen temos a enorme responsabilidade de axudar a outros nese camiño sen fin, saibamos educar no máis amplo sentido da palabra.

Exrector da USC