El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

OS OUTROS DíAS

ALFREDO CONDE

O noso destino

14.09.2013 
A- A+

PREFIRO falar de literatura galega antes que do sistema literario galego porque, mentres que aquela é unha cousa e tamén unha causa do corazón, este, ven sendo unha cuestión maiormente subvencionada que, pesie a tódolos pesares e logo de trinta anos de exercicio orzamentario, non conquireu máis que arredar de si o potencial lector que o ensino regulamentado do galego podería facer esperar.

Quérese dicir que, cos miles de alumnos que aprenderon o galego e máis cos outros tantos miles de funcionarios co CELGA 4 no seu haber persoal, o número de lectores de literatura galega en galego, mil arriba, mil abaixo, vimos sendo os mesmos que xa estabamos. Cousa do corazón dicialles.

Tamén a nosa Literatura -xa saben ca min gústame escribila con letra capital- é cousa cordial, cousa do corazón, na que os sentementos afloren pra se convertiren en poemas. Algo que non sempre sucede pois, xa saben, con bos sentementos o normal é facer malos poemas.

Este feito de que afloren os sentementos non adoita suceder así, tan a miudo e con tanta calidade, noutras Literaturas. Os estudosos da cuestión deberían facer unha pescuda, documentada e seria, non coma este comentario, tan frívolo e apurado como tantos outros meus, no feito de si é certo ou non que no noso eido literario abondan, máis que na maioría dos outros, os poemarios adicados á figura da nai recén morta. Así, a bote pronto e pra non aburrilos moito dando conta doutros, vénseme á cabeza o extraordinario libro de poemas que Rábade Paredes adicou á súa nai difunta pra que lles vala de exemplo. Agora veño de ler outro máis, equiparable a este. Trátase de Río alzheimer da autoría de Carlos Pereira, en edición de Alvarellos no que figuran non poucos poemas considerables entre os mellores da nosa lírica actual. Búsquenos entre os derradeiros do libro, ándanlles por alí. Ou tal se me antolla a mín.

Se isto fose algo máis académico, agora, reproducirialles algunha que outra estrofa, centrándoas na páxina, pra poder dar chegado canto antes ó remate dela. Non lles é o caso. Terán que buscalas neste libro có que non poucos de vostedes se han identificar namáis lelo. Logo, repousadamente, han volver a el pra esa segunda e terceira lectura que lles ha permitir deterxer, pruficándoa, aquela primeira e emocional, sentimental, que tanto tirou do seu corazón. Cando leven a cabo esas lecturas é máis ca probable que coincidan coa valoración que eu lles fago e será a razón a que lles indique que, éste, se trata a todas luces dun importante poemario ó que quizáis non se lle leve prestado a atención debida. Pero tal e non outro élles o noso destino. Escribir co corazón tenlles moitos servidumes. Un deles este de se inscribir nunha gran Literatura falta de lectores.

Escritor, Premio Nadal e

Naciional de Literatura