El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

MARISA CASTRO

O outono e a apaña desordenada de cogomelos

11.11.2018 
A- A+

CHEGAN as chuvias e as persoas bótanse ao monte para apañar cogomelos. Para a maioría o único fin é cociñar e apreciar eses apetitosos manxares. Uns fano porque realmente lles gustan, outros, para desfrutar da natureza e de paso recoller algunha cousiña para comer e, hainos que saen ao monte descoñecendo todo sobre el. Con estes, unha vez máis, cómprese a máxima de que «só se respecta e se ama aquilo que se coñece».

Por que digo isto? As persoas que pertencen a este último grupo son os que dan patadas ou cortan todo o que ven, sen pensar sequera que os fungos e os cogomelos compren unha función no medio ambiente: algúns descompoñen a materia orgánica e outros axudan ás plantas a desenvolverse fortes e sans. É evidente, que a ignorancia e o desprezo polo entorno non serve para xustificar que micófilos e micófagos, as persoas que gustan e desfrutan cociñando e comendo cogomelos poidan apañalos.

Sería bo lembrar que Galicia é unha das comunidades autónomas españolas que ten lexislación para o aproveitamento micolóxico (Decreto 50/2014 de 10 de abril). Neste decreto non se autoriza a estragar todo o que se atopa ao paso; sen embargo, si di que hai que apañar os cogomelos con xeito, arrincándoos enteiros para poder identificalos correctamente, ademais de non prexudicar os micelios que os producen e, entre outras cousas, indica que non se poden apañar (evidentemente, nin cortar) máis de dos kilos por persoa e día e que cando recollen cogomelos nun monte que non é da súa propiedade estanse apropiando dun froito que tampouco lles pertence. Segundo o artigo 334.2 do Código Civil e as leis de montes, tanto estatal (43/2003 de 21 de novembro) como autonómica (7/2012 de 28 de xuño) son propiedade do dono do monte.

Non sei en que apartado dos tres anteriores caben os que se pasearon o pasado fin de semana polos piñeirais da praia de Barra e se levaron, deixando os pés enterrados nas areas das dunas, os chapeus de diversas especies de Amanita de cor branca, non comestibles. Ademais, neste caso elimináronse chapeus de dúas especies pouco frecuentes, una de orixe mediterránea, Amanita gracilior, e outra, propia de terreos calcáreos, Amanita ovoidea, ambas escasas en Galicia.

Sería de agradecer que as autoridades encargadas de vixiar os montes, véxase o Seprona, sancionaran ás persoas que non compren a lei, porque o non coñecela, non exime de cumprila. Se non é así haberá que confiar en que se faga realidade a frase de Darwin: "Os individuos e as especies sobreviven mediante selección natural". E, como os cogomelos non teñen escrito cales son os comestibles e cales os tóxicos, para consumilos hai que coñecelos ou facer a proba "ensaio/erro". Cando se comen e non pasa nada, son comestibles, e, se pasa algo, e os médicos chegan a tempo, tamén poderán ter final feliz, senón xa se verá. Pero..., non me dirán que persoas ben alimentadas, pero ignorantes, destrutoras do medio ambiente e ousadas que cociñan cogomelos só por snobismo, porque son baratos ou porque todo o mundo o fai non merecen un escarmento?

Investigadora en Micoloxía da UVigo