El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

O pazo do pobo

21.07.2019 
A- A+

NESTE xornal publicouse unha información procedente da Agencia EFE cunha declaración que se reiterou sobre o mesmo tema dende outras axencias e diferentes medios periodísticos, os pasados días once e doce, e onde o presidente da Xunta de Galicia, en roda de prensa, confirmaba: "Celebramos que o Parlamento galego teña sido útil e que o Goberno da Xunta teña sido útil". Engadindo: "Esperamos poder acreditar documentalmente que o pazo non é de ningunha familia nin unha propiedade privada, porque se mantivo e se conseguiu mediante o diñeiro dos cidadáns". A do Pazo de Meirás, como consecuencia da Guerra Civil, é unha longa historia desprezábel e fraudulenta que pide un xusto final.

Lembro que en tempos críticos, non lonxanos, me referín ao complexo asunto do proceso de apropiación do pazo de Meirás. Iniciáranse os feitos en 1938, cando faccións falanxistas capitaneadas polo Gobernador Civil da Coruña, co apoio do empresario Pedro Barrié de la Maza e millonarios do novo réxime, ofreceron o pazo ao ditador Franco como residencia de verán. Concretada a idea, reuníronse os cartos para a compra e acondicionamento a favor dos futuros inquilinos. E segundo se afirma, no relativo á compra, os fondos saíron dos soldos dos funcionarios e traballadores e se lle obrigou ao Concello da Coruña a aportar como mínimo o 5 % da contribución.

Nacera así, dicía, a Junta pro Pazo a fin de obter o capital para os arranxos no inmóbel, e encomendouse aos alcaldes formar comisións para visitar aos veciños e financiar o gasto. Neste convite arrepiante, en plena loita golpista militar e cos falanxistas paseando disidentes, cos fuxidos no monte, os desaparecidos, e cunha represión brutal no noso país, todos aportaron, puideran ou non, a fin de evitar sospeitas. Íase casa por casa reclamando os cartos e anotando os nomes, e incluso aos veciños confinantes se lles expropiaron as fincas e terreos para asueto.

Realizada a venda, a filla de dona Emilia Pardo Bazán non puido entrar no Pazo a recuperar as súas pertenzas persoais e a compra comprendeu o mobiliario e o legado da escritora alí gardado. A escritora Eva Acosta conta, nun relato terríbel, da visita previa na que a muller do ditador, revisados caixóns e papeis no despacho da insigne escritora, mandou queimalo todo. E quizais cómpre ter en conta que no ano 78 o Pazo volveu ter un incendio en estrañas circunstancias que puido encubrir unha nova 'limpeza'...

No serán do once de xullo o presidente da Xunta de Galicia publicou na súa páxina de Twitter: "Nunha primeira avaliación, nosos servizos xurídicos ven posíbel que a Xunta compareza no proceso para recuperar a propiedade pública do Pazo de Meirás". E nas súas declaracións dixo: "Polo tanto, eu creo que hai causa, razóns e argumentos xurídicos para que o que se pagou entre todos sexa propiedade de todos. De se confirmar esta valoración inicial, farémolo". Hoxe xa sabemos que se fará. Que pase a ser parte do patrimonio público e absolutamente lexítimo.

Da Real Academia Galega