El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

mirando a ver

MANUEL PORTAS PROFESOR

Poncio Pilatos e Núñez Feijóo

12.01.2010 
A- A+

Poncio Pilatos foi un político romano frío e calculador. Exerceu de procurador de Xudea desde o ano 26 ao 36 d.c. e durante o seu mandato, no ano 33, cadroulle o apresamento de Xesús. Mesmo sabendo que o de Galilea era inocente, que todo o mal que fixera fora denunciar os comportamentos farisaicos e a mercantilización dos templos, abandonouno á súa sorte perante unha multitude encirrada polos sumos sacerdotes das sinagogas, os seus aliados inconfesábeis e principais afectados polas prédicas críticas do nazareno. Mais o certo é que a inocencia de Xesús era o que menos importaba. A Pilatos preocupábao máis manter o control social da demarcación xudía que administraba, non fora ser ademais que na metrópole o considerasen inepto para máis altos designios, e aínda que daquela o pobo non votaba, a concesión que lle reclamaban era para el pouca cousa e servía para garantir o status quo, a súa particular pax romana. A fin de contas, que lle importaba a el unha vida?

A fin de contas, que lle importa a Núñez Feijóo a vida do idioma galego? Despois dunha maniquea campaña en que a lingua do país foi presentada como un elemento de tortura maquiavélica coa que se castigaba cruelmente os cándidos e inocentes escolares, que padecían febres e sucumbían perante a matemática e as ciencias expresadas en tal enrevesado enxendro idiomático aborixe, Núñez Feijóo anuncia e promete xustiza salomónica. Por iso, para maior gloria do procurador romano, escolle un período vacacional que permita ás agachadas anunciar a súa proposta, non para retardar o posíbel proceso de contestación popular, como din as viperinas linguas, senón para amosar máis unha vez o seu discreto e franciscano actuar. E claro é, a proposta supera todas as expectativas. Como mudar unha lexislación que estabelece un traumático cincuenta por cento en galego? Pois nin pra ti nin pra min, de bilingüismo nada, da chisteira saca un trilingüismo baratario, improvisado e -vista a realidade dos centros- impracticábel.

E como se decide o reparto entre as dúas linguas motivo da intervención? Pois moi fácil, que sexan os centros educativos os que decidan, que os vellos complexos pexorativos aínda persistentes na sociedade sexan os que determinen a lingua na educación e a descohesión lingüística no conxunto do país adquira marchamo oficial.

Gobernar vén ser así sinónimo estrito de escaquear o vulto. Lamentábel exemplo de irresponsabilidade que nos dá a primeira autoridade do país. Núñez Feijóo, o Pilatos dos nosos tempos, opta por lavar as mans en público. E aínda ha de haber algún Herodes que lle pase un pano para secalas.