Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
negro sobre branco

A raíz no é a demografía

    ATENDENDO o chamado problema demográfico como tal problema no ámbito interior da poboación e das súas características, pérdese a perspectiva da diagnose e polo tanto da abordaxe de política económica do problema. Utilizando o símil da situación da saúde dun pobo, parece evidente que para mellorar o estado físico dunha poboación subnutrida non vale de nada implementar un programa de aumento do apetito e repartir azucre.

    A demografía galega non vai mellorar se non se atopa solución aos problemas económicos que xeran un modo de vida e de habitabilidade específicos. Non se atoparán solucións a curto prazo, xa que os problemas que orixinaron o decrecemento poboacional son os vinculados á emigración, a secular, á da época do "desarrollo" español e á actual de mozos de elevada cualificación destinados en calquera país do mundo. Se non contamos na última década con 200.000 mozos galegos emigrados, e os que quedan teñen unhas condicións de traballo de marcada inestabilidade laboral e de ingresos, non vale de nada o cheque bebé, así fose de varios miles de euros, caso que non o é, nen de lonxe.

    Tampouco parece que sexa unha responsabilidade das mulleres novas. En certas ocasións, despois de escoitar certos responsábeis do goberno, semella que se acusa implicitamente de mala praxe (social) ás mulleres novas. Si, puidera ser que un observador pouco avisado formule que o problema galego está en que a taxa de fillos por muller -moi baixa- non acada o nível mínimo de reposición e polo tanto os problemas de caída poboacional -dramática en Lugo e Ourense- débense a esa baixa taxa.

    Desde aí parece fácil pensar que se pode animar ás mulleres a teren fillos, por exemplo, cun cestiño de agasallo ou por un prezo de mil euros/ano, prometer gardarías, e así ir dando pasos para resolver o problema. Esta formulación non só é lixeira senón irresponsábel: nos países en que se teñen levado a cabo políticas de recuperación demográfica, de mantemento de poboación e de sostenibilidade de hábitats ocupados, traballan a serio a atención individual e social da vida das mulleres novas recén preñadas: mesmo, sen chegar a pretender facelo como en Noruega, hai moitas políticas posíbeis nesa Europa que se cita para todo.

    O paquetiño noruegués de benvida inclúe, só para empezar, un ano remunerado de dedicación ao neno; mesmo, se a nova nai é estudante, unha tutoría personalizada para garantir que non haxa perda de curso. Igualmente, as políticas económicas de benestar da poboación de idade teñen esa mesma característica de perdurabilidade no tempo, non son ocorrencias políticas cuxa finalidade é fidelizar mediante votos a adhesión dos votantes ao partido gobernante (ao estatal, autonómico ou municipal) en cada campaña eleitoral. Cando na Galiza houber un responsábel do goberno que emprenda un plan de benestar, baseado na creación de emprego produtivo con proxección a medio e longo prazo, estará no camiño de crear condicións aceptábeis ás novas nais e ás xa existentes que, por riba, se ocupan dos familiares dependentes sen atención pública.

    Doutora en Economía

    28 ene 2018 / 21:24
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito