El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

á beira do sar

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Reconquistas

09.11.2019 
A- A+

OS lemas electorais desta xeira son tan ruíns que se esfarelan eles mesmos no vento da banalidade política que nos aparva. Non me quero poñer moi semiótico, pero a verdade é que o fraseo electoral desta volta xa nin sequera aspira á suxestión factitiva ("imos facer", "imos traer o cambio"...), que é a máis elemental estratexia de todo discurso veredictivo (que queira parecer verdade) destinado ao negocio público. O eixo referencial da campaña (exhumación de Franco/medo a Vox/arde Cataluña) é tan dominante que cae no abuso anafórico de España até o delirio performativo ("Ahora España", "Siempre España").

E a isto vénse sumar a esfurricada lenda "Por todo lo que nos une" (o único que en política une todo é o euro), acompañada deses dous apóstrofes deportivos e piernas: "Vamos, ciudadanos" e mais "Un gobierno contigo". Este último parece que nos traslada á nostálxica evocación daquel "Contamos contigo", que tanto latín matou e tanto penalti marcou, arbitrado por don José Solís (disimúleseme esta exhumación daquel ministro franquista -"la sonrisa del Régimen"- que neste momento me traen os helicópteros da miña memoria).

En materia de fraseoloxía cara á vendima electoral de mañá, esperabamos algo de imaxinación polo menos nos partidos máis novos, Vox e Más País. A Errejón, aínda sendo tan breve (todo nel é breve), faltoulle minimalismo verbal: era suficiente con "Más". Abonda ese monosílabo polisémico (vale para todo: a política, o sexo, o salario mínimo interprofesional...), chégalle con ese adverbio redondo que, na súa circularidade de rotonda, admite a incorporación de calquera elector moderno e consumidor de orden, orientación, orégano e orgasmo (e aínda por riba "tres comidas diarias").

No caso de Vox, a súa verbalia épica opta polo efecto forever do adverbio siempre (tan propicio para baladas e saudades), que desde don Pelayo e os astures atravesa os séculos. O lema ten esencia e contundencia, pero eu cambiaríao por esa frase que Santiago Abascal guindou hai uns días: "Nos gustan las reconquistas". Esteticamente é inmellorable: ten color, sabor e cheiro; mesmo podería ser lema de Chanel, porque no fondo, tanto na política coma no amor, véndensenos perfumes como esperanzas de conquistas e reconquistas.

"Nos gustan las reconquistas" ten poder de encantamento erótico e político, pero incluso podería ter o poder de incitar a unha reflexión sobre a nosa incultura histórica. Porque España ten algo máis de pasado que o franquismo.

Escritor