El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

O reloxo do Xuízo Final

10.07.2016 
A- A+

SON tempos difíciles tanto para os habitantes como para todo o planeta Terra, pois semella como se nesta lendaria circunstancia o científico Reloxo do Xuízo Final (Doomsday Clock) estivese xa moi cerca de marcar a derradeira media noite. Dende que a xunta directiva do Bulletin of the Atomics Scientists, unha revista de un grupo de investigadores da Universidade de Chicago, creara a mediados do século XX unha representación gráfica do cerca que estaba a humanidade do seu auto exterminio, e deuno en chamar Reloxo do Xuízo Final, pasaron cerca de 70 anos. Marcaba daquela as 23:43, e dende entón este heraldo da Apocalipse, que alerta do perigo nuclear, climático, científico e tecnolóxico, ten estado en diversos momentos, sempre cerca das doce da noite, a fin de manter a tensión e avisar aos gobernos globais das brutais doenzas crónicas que os teñen ao bordo da morte.

As guerras infinitas, os incompetentes ao cargo dos gobernos e a falla de líderes mundiais, as bombas termo nucleares que se amorean nos silos e que poden ser detonadas sen control, a desaparición de plutonio da antiga URRSS, as novas armas de destrución masiva, a reactivación de enfermidades xa erradicadas, os brotes indiscriminados de évola, a expansión do zyka ou o dengue, as múltiples pragas agrogandeiras, o cambio climático imparable, o aumento das temperaturas e do nivel do mar, o desxeo dos casquetes polares, as tempadas de chuvias infinitas e os nosos trens de borrascas, a inversión da pirámide demográfica e o crecemento desordenado da poboación, o abuso e o descontrol no uso da tecnoloxía ou o terrorismo salvaxe, todos son síntomas dunha decadencia que nos está a abocar ao fin ou polo menos ao fin do mundo tal e como o coñecemos. Cara ao ano 2016 o reloxo marcou as 23:57. Quedaban apenas uns minutos para o Harmaguedón.

Xa no ano 2012 Stephen Hawkings dicía que non sobreviviriamos mil anos sen deixar o planeta terra, e que a supervivencia da humanidade sempre fora unha cuestión de sorte. Segundo o brillante físico " a frecuencia de tales ocasións aumentará no futuro e necesitaremos ter moito coidado e mellor criterio para superalas con éxito". De feito, o controvertido xenio ínstanos a mirar ao noso futuro nas estrelas.

Así que, xa que logo, só temos mil anos para converter a Terra nun páramo inhabitábel quizais sexa hora de formular as preguntas básicas que todos deberiamos facérmonos: ¿por que se están a gastar milleiros de millóns en supostas colonias na Lúa e en viaxes ao planeta Marte ou Xúpiter, se cos mesmos cartos poderiamos parar o cambio climático, desterrar as fames do mundo, facer desaparecer as guerras e contribuír ao benestar da humanidade? E, se cadra, aínda quedarían cartos para facerlle fronte á posibilidade de que unha supernova ou un asteroide nos borraran a todos da face do Universo. Entrementres, o reloxo do Xuízo Final, ou da Fin do Mundo, está cada vez máis cerca da media noite.

Da Real Academia Galega