El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

negro sobre branco

MARÍA DO CARME GARCÍA-NEGRO

Sanidade nova (II)

13.08.2018 
A- A+

Ao fío do escrito sobre a posibilidade dun certo cambio na racionalidade administrativa dos fondos orzamentarios da sanidade pública galega, continuamos alongando as posibilidades de proporcionar prestacións necesarias contra o aforro en gasto innecesario. Xa nen citamos a posibilidade de mellora laboral necesaria para os contratados precarios. Esta práctica usual no Sergas, sería preciso analizala á luz doutras perspectivas, non necesariamente administrativas nen do aforro inmediato; de calquera maneira, queda dito que afecta a medio prazo á calidade do servizo e mesmo á racionalidade no uso dos recursos de persoal. Referímonos agora de novo ao aforro posíbel de fondos gastados en produtos farmacéuticos e/ou tecnolóxicos realizados entre Sergas e subministradores da industria farmacéutica ou da industria electrónica.

Como é sabido, estas empresas son enormes compañías, son Empresas Multinacionais (EMN) con presenza e capacidade no mundo enteiro. Ademais, fabrican e venden case sempre de modo exclusivo os preparados ou os instrumentos, de todo tipo, de uso habitual nos tratamentos hospitalarios actuais. Quérese dicer con isto que mentres non muden as relacións internacionais e poidamos negociar directamente cos chineses, non hai outra alternativa máis que lles comprar ás EMN. Pero en todo acto de compra / venda hai polo menos dous actores: o que vende e o que compra, e aínda que o poder relativo de cada un sexa distinto ou cualitativamente asimétrico, iso non debe querer dicer que a Administración sanitaria deba pregarse, abaixándose, como se de ninguén se tratar.

Nun informe recén publicado polo Consello de Contas de Galiza queda posta de manifesto a posibilidade de mellora, muda, nova praxe, no procedemento de compra pola parte do Sergas en todos os procesos de que tratamos. Mesmo se constatou a existencia de compras realizadas sen documentación escrita froito dunha entente verbal, algo impensábel / inimaxinábel nestes tempos en compra pública. Afondemos no que hoxe son necesidades dos cidadáns existentes, no referido á saúde. Diciamos o día pasado que os enfermos chamados crónicos ou con uso de medicinas a diario poderían gozar da subministración de forma directa por parte do Sergas. Hoxe engadimos algunhas prestacións que consideramos necesarias desde unha perspectiva cidadá e arroupada pola definición fiscal de gasto necesario: é aquel que é preciso realizar para manter a actividade.

Dado que hai algunha xente que para poder comer precisa dentes artificiais, consideraríamos disparatado que lle sexan proporcionados pola sanidade pública? Dado que tamén esta necesidade acostuma a se producir fóra da vida activa, é máis difícil para a persoa atinxida lograr ingresos novos para se dotar de novas pezas. Mesmo chegando a fiar moi fino, sería posíbel lograr tratamentos bucais preventivos de forma continuada? Por que non ten entrado no sistema público de saúde a da boca? So hai u­nha explicación relativa á capacidade de presión realizada sobre o Estado para entender esa ausencia. A presión non é directamente neste caso dos profisionais, aos que, aínda en contra da súa opinión, non se lles pode outorgar tal poder, senón de novo dos intereses crematísticos da industria de subministracións en prácticas estomatolóxicas.

Doutora en Economía