El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Cifras e letras

SENÉN BARRO AMENEIRO

Rífanse aos nosos alumnos

25.08.2019 
A- A+

Hai algúns anos, tras intervir nunha mesa redonda, o director dunha escola de enxeñaría dunha universidade española, de cuxo nome non quero acordarme, tomou a palabra para mostrar o seu desacordo con parte da miña intervención. Eu manifestara certo descontento co modelo e sistema educativos do noso país, no que tamén incluía á Universidade. Para fundamentar a súa discrepancia comigo, o meu colega comentou que aos seus egresados os rifaban nas empresas.

Non o puxen en dúbida, por suposto, pero pregunteille cal era a porcentaxe de aprobados na súa escola. Contestoume, con evidente satisfacción, que ao redor dun 5%. Oído isto, díxenlle que se só un de cada 20 dos seus estudantes aprobaban, habería que poñer en cuestión se a súa excepcional valía para os empregadores proviña da formación recibida ou era a pesar dela. Foi unha impertinencia pola miña parte, recoñézoo, pero pareceume inasumible que un profesor poidese xactarse de suspender á práctica totalidade dos seus alumnos, e aínda por riba evidencialo como un indicador da súa calidade como docente.

O 5% mellor dos meus alumnos poderían sobresaír mesmo nunha contorna educativa deprimida e deprimente. Ata creo que poderían sobrevivir sen auga no deserto. Non podo reivindicar o meu valor como docente aludindo só a estas e estes estudantes. Ben distinto é conseguir formar de igual modo ao 80 ou 90% do alumnado. De feito, se unha materia apróbana só o 5% do alumnado, non quere dicir que o resto sexan malos estudantes, pero si que o profesor é un mal docente.

Quero en todo caso anticiparme a aqueles que puidesen sacar como conclusión das miñas palabras que estou a defender rebaixar o que se lle esixe ao estudante. En absoluto! O que pido é aumentar o que se lle pide ao profesorado. E descúlpeme o lector que lle anticipe unha nova explicación, pero non me gustaría ser crucificado sen motivo. Non falo de esixir na forma senón no fondo. Esixirnos que cumpramos con formalidades é o fácil e tamén verificar que o facemos. Esa é a razón de que sobre todo vaian por aí os tiros na avaliación do profesorado nas nosas universidades. O realmente importante, con todo, é cumprir co fondo, co labor último da educación, que non é outro que lograr que aprendan aqueles que cada ano temos a responsabilidade de formar.

Se se nos pide que asinemos a asistencia a cada clase e xustifiquemos calquera lixeiro cambio respecto da programación docente, farémolo, por suposto. É posible que así eses poucos que non cumpren coas súas responsabilidades docentes o fagan e que os que aínda sigan sen cumprir, queden en evidencia e ata expedientados. Pero nin unha cousa nin outra por si soas cambiarán o que realmente importa. Podemos cumprir escrupulosamente con todos os requisitos formais sen lograr que os nosos estudantes aprendan o importante e necesario, igual que podemos aplicar escrupulosamente o método científico e non obter resultado útil ou valioso algún.

DIRECTOR CIENTÍFICO DO CITIUS, CENTRO DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTELIXENTES DA USC