El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

Cifras e letras

SENÉN BARRO AMENEIRO

O que valen os goles

17.11.2019 
A- A+

De acordo coa revista Forbes, os dous equipos de fútbol máis valiosos do mundo son, por esta orde, o Real Madrid e o Barcelona. O Real Madrid, cun valor estimado por encima dos 4.200 millóns de euros, case triplica á Juventus, que ocupa a décima posición. Pola súa banda, o orzamento do Barcelona supera este ano os mil millóns de euros. A tempada pasada o Barça meteu 138 goles e gañou a liga e a Supercopa de España, aínda que perdeu a final da Copa do Rey e quedou apeado en semifinais da liga de Campións.

O gol, sabémolo todos, é o sal e a pementa do fútbol e perségueno con afán todos os equipos. Se os goles son fermosos, mellor, pero o mesmo vale unha chilena ou un gol olímpico que un balón que entra na portería lánguidamente despois de rebotar nas costas dun porteiro descoidado. Pero, máis aló da súa factura, canto custa cada gol? Se dividimos o orzamento do Barça esta tempada polo número de goles que acabará marcando, supoñendo que meta os mesmos que na tempada pasada, dános a bonita cifra de 7,5 millóns de euros por gol. Non está nada mal.

A Universidade de Santiago de Compostela ten un orzamento este ano de 244,6 millóns de euros, a cuarta parte que o do Barça. Os resultados da súa investigación, en particular a de maior calidade e impacto, publícanse en revistas científicas recoñecidas pola comunidade internacional. A USC publica cada ano uns 1.200 traballos de investigación en revistas indexadas nun dos índices máis recoñecidos, o " Journal Citation Report". A maior parte do orzamento das universidades en España está destinado á docencia e outros servizos prestados as súas comunidades universitarias e á sociedade. En todo caso, aínda considerando que a metade dos recursos que manexa anualmente a universidade fosen para investigación, teríamos unha publicación de impacto por cada cen mil euros. Son 75 veces menos que o custo dun gol. Si, xa sei que o fútbol é moito máis que os seus goles, pero tamén o valor da investigación é infinitamente máis que o das publicacións científicas (formación de novos investigadores, transferencia de coñecemento e desenvolvementos tecnolóxicos ao tecido produtivo, creación de empresas e emprego e un longo etcétera).

Quizais poidan dicirme que o que custa un gol págano os que queren e a investigación pública pagámola todos. Certo, pero os beneficios da investigación gozámolos todos e os do fútbol sobre todo quen vive del.

Confésolles que non teño nada contra o fútbol. É máis, gozo véndoo. Pero teño tanto a favor da investigación, que oxalá os artigos nas revistas científicas valesen igual que os goles.

DIRECTOR CIENTÍFICO DO CITIUS, CENTRO SINGULAR DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTLIXENTES DA USC