El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

CIFRAS Y LETRAS

SENÉN BARRO

Votantes crónicos

10.08.2018 
A- A+

HAI uns anos atribuíronselle u­nhas polémicas declaracións ao premio Nobel Richard Roberts, que despois este desmentiu, polo menos en parte. Apareceron nun xornal español, que publicou unha entrevista na que Roberts afirmaba que a investigación farmacéutica era desviada polas empresas do sector cara ao descubrimento de medicinas que en lugar de curar as enfermidades convertíanas en crónicas. Deste xeito os enfermos pasarían a ser consumidores perennes de certos fármacos, o que resultaría moito máis rendible para as compañías.

Anos despois o doutor Roberts asegurou que non dixera iso e quixo precisar as súas palabras. Segundo el, as compañías farmacéuticas teñen un escaso interese en investir o seu diñeiro na procura de solucións para algunhas enfermidades, xa que de ter éxito limitarían o seu mercado potencial, pero iso non quere dicir que intencionadamente traten de converter aos pacientes en enfermos crónicos. Por outra banda, está claro que investir en medicamentos efectivos para enfermidades crónicas é unha fonte de grandes beneficios para estas empresas.

Sexa como for, é evidente que somos cada vez máis dependentes dos medicamentos. En 2017 as vendas do primeiras cinco empresas farmacéuticas do mundo foron duns 200.000 millóns de dólares. Para que se fagan unha idea da magnitude desta cifra, supón o equivalente a case sete Inditex, o maior grupo téxtil do mundo. Tamén é verdade que Amazon facturou o ano pasado por si soa unha cantidade non moi afastada desa cifra.

Relendo as declaración do nobel Roberts veume á cabeza a evolución, desvalorización máis ben, de certo tipo de política e de políticos que coas súas accións buscan sobre todo fidelizar aos seus votantes e non tanto achegar solucións aos problemas colectivos. Non estou seguro de que estes perfís sexan novos no espectro político, pero si que a súa presenza resulta máis patente que nunca. Vexo ausentes das axendas de moitos partidos políticos os problemas de maior calado, os que parecen non ser de ninguén pero que son de todos. Os que non teñen solucións fáciles, nin rápidas, nin máxicas. Pola contra, a miúdo o que prima é o cortoplacismo, o "se non me votas con estes principios non te preocupes, teño outros" e o "e ti peor". Non se invisten nin recursos nin esforzos suficientes en curarnos da contaminación crecente e do cambio climático, da fame no mundo, da escaseza de auga e de enerxía, das guerras, do aumento das desigualdades socioeconómicas, dos problemas derivados do envellecemento... Non se aposta decididamente por modelos produtivos máis sustentables ambiental e socioeconómicamente, que acheguen empregos dignos para todos. Nin por garantir unha sanidade e educación universais e de calidade e un sistema de pensións e un estado de benestar sustentables.

Quen declaran o seu empeño en querer curar á sociedade dos seus males pero parecen poñer máis énfase en cronificalos, máis parece que busquen fidelizar os nosos votos coas súas distraccións.

Exrector da USC

 

 

Da Real Academia GalegaGil horunis. Ehena, qua molum horum ina, vidi, con Itaste