El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

mirando pola ventá

ADRIÁN SOLOBIO

Toda axuda fai falta

26.03.2020 
A- A+

Nestes tempos de crise sanitaria e humanitaria, toda axuda é pouca. Isto deberon pensar na vila de Carril (Vilagarcía) onde sacaron á rúa a San Roque, un dos patróns do peregrino e santo avogoso da peste e de todo tipo de pandemias para que, como en tempos pretéritos, libere os cidadáns desta peste que estamos a sufrir, o covid-19.

San Roque é un santo moi venerado en Galicia e en numerosos lugares do mundo e padroeiro de numerosas vilas e cidades, como Vilagarcía e Santiago de Compostela. Foi no século XVI cando esta se viu arrasada por un andazo de peste. Os santiagueses, nun momento en que se entendía a axuda divina como un troco, "a cambio de algo" encomendáronse ao santo coa promesa de que se os libraba dela, o erixirían en patrón da cidade.

Por orde do arcebispo Francisco Blanco, fundouse o Hospital de San Roque para acoller todos os enfermos. Desde aquela, todos os 16 de agosto continúan rendéndolle homenaxe na capela, barroca, que está ao lado do antigo hospital e hoxe edificio que acolle o Instituto Padre Sarmiento e a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro.

Pero... quen foi este santo? Segundo o historiador de vidas de santos Brugada, un dos textos máis fidedignos que nos narra a súa vida é a Acta Brevoria, un escrito redactado na zona italiana da Lombardía cara a 1430. Nel dise que Roc, o seu nome en occitano, naceu na cidade de Montpellier, en Francia ao redor do século XIII no seo dunha boa familia. Peregrinou a Roma e foi curando todas as persoas enfermas de peste que encontrou ao seu paso. Acabou contaxiándose en Piacenza e decidiu illarse no medio do monte para non contaxiar a ninguén.

Roque empezou a recibir a visita dun can que o visitaba todos os días cun anaco de pan na boca. O dono do can, Gottardo Pallastrelli, sorprendido pola actitude do animal, decidiu seguilo e descubriu a Roque medio moribundo. Levouno á casa e curouno, aínda que algunhas versións populares indican que o curou o can ao lamberlle as feridas.

A morte do santo e a localización da súa tumba xa son máis confusas pero si é certo que des-de finais do século XIV se converte nun dos santos máis populares como se demostra na gran cantidade de igrexas e capelas que acollen a súa imaxe. O papa Gregorio XIII declarouno santo no século XVI. Como indicamos ao primeiro toda axuda é pouca para vencer esta pandemia pero o primeiro que cómpre facer é sermos responsables e acatar-mos a orde de quedar na casa para frear o contaxio. #QuedaNaCasa #Coidémonos