El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

{OS OUTROS DIAS }

ALFREDO CONDE

Un dicidor de poesía

18.04.2010 
A- A+

O víspera do aniversario da República (¿deberei dicir máis ben cabodano, pois suspiro tan breve foi o seu?) fixo un día de sol enteiro e vento frío. Hai moitos días así. Eiquí, n'A Pedra Aguda, xa rebentaran as glicinias e o xardín ofrecíase dun feminista que estouraba. Digo xardín por non dicir horta, xa que de todo ten e todo colle nel, según os días e os territorios que se ocupen pero, chegada a hora de escribirlles, decidín non me meter en xardíns ningúns; así que fun e púxeneme a escoitar a voz, como de ecografía, de Uxío Novoneyra; de ecografía ou de ecocardiograma que soa millor e dí moitas máis cousas a quen queira, poida e se dispoña escoitala.

Pra poder facelo é recomendable facerse co libro que acaba de editar Alvarellos. Titulase Tempo de elexía e inclue, adherido á súa contratapa, un CD no que se reproduce un recital do poeta dado en Lugo cando, o hoxe editor, era un rapaz novo armado dunha grabadora e moito sentido da anticipación e da oportunidade que, o mesmo que a ocasión, adoitan pintala calviña de todo que non hai por onde collela; Don Henrique Alvarellos, a quen algúns aínda ousamos dicirlle Quique, si, si que a colleou pola perrera, alá no xa lonxano 1982; onte mesmo, como aquel que dí.

Coñecín ó poeta d'O Caurel no ano 68 do pasado século, en Pontevedra. Ese día andaban por alí os de Voces Ceibes e a primeira imaxe que gardo do Uxio ubícase na casa de Xosé Luís Fontenla recitándolle a Benedicto algúns dos seus poemas por ver de que llos musicara. Non recordo que o fixera. Uxío daba a música, o ritmo, el mesmo convertía en cancións os seus poemas. Agora, ó escoitar a súa voz no CD que acompaña o libro, rememoro aquel día, aquel serán pontevedrés de por estes días, precisamente, semana arriba, semana abaixo, e entendo de novo porque nel non coallaron as esperanzas do bardo. Era moita voz a súa, moi impactante a súa presenza física como pra se atrever non digo a superala, senón mesmo pra ousar emulala.

Agora, no víspera do día no que se han cumprir sesenta e nove anos da proclamación da República, axexo o estremecemento que lles produce o nordés ós mourados acios das glicinias e penso que feminista si que pode ser, a tal cor, pero republicán tamén e que non lle acae mal á voz que resoa enchendo o ámbito no que escribo a propósito non sei xa se dun libro ou dun poeta, acaso dunha voz que sobresaía por riba de todo elo, non en van o mesmo Uxío afirmaba ser un dicidor de poesía. Cando menos eu nunca lle escoitei dicir rapsoda. Non o era. Era un poeta e iste é o meu artigo pra facer común memoria del, neste ano que o celebran a el e maila súa obra, pouca e posiblemente grande.