Jueves 17.10.2019 Actualizado 10:16
Google    

El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

tía manuela

LUÍS CELEIRO

Un mundo enteiro

18.09.2019 
A- A+

FOISE facer o camiño de Santiago, como outros anos fora, para apreciar os seus valores, os máis deles, de carácter inmaterial, e para coñecer unha nova ruta, aquela que vai cara a Santiago por sendeiros consecutivos, dende Ponferrada ata a meta do Camiño, Santiago, dese milenario camiño que recorre países, comunidades, cidades, vilas e milleiros de lugares rurais de xeografías ben distintas. Din que o Camiño de Santiago é cultura, historia, arte e espiritualidade. É intercambio de pareceres, conversa, tranquilidade e esperanza. O Camiño de Santiago é patrimonio, é un ben colectivo que a humanidade debe protexer e aloumiñar como quen aloumiña a un meniño ou a un cadelo, co mesmo tesón e o mesmo cariño.

Esa nova ruta, coñecida como Camiño de Inverno, transita de forma irregular por paraxes fermosas, por terras amables e despoboadas, que axudan a entender o abandono do rural por onde pasa. A natureza realza a beleza desta contorna, con raíces fondas na historia e con ausencia de pegadas xacobeas. O Camiño vai e volve, sube e baixa, aproveitando as rodeiras que ían ao monte ou ao prado, aproveitando as pistas forestais e as estradas locais. É bonito ver as frechas amarelas de Elías Valiña indicando o percorrido, marcando os rodeos.

Os romanos deixaron nas contornas deste Camiño numerosa mostras da riqueza destas comarcas galegas e do Bierzo. As Medulas, o túnel de Montefurado e o cultivo das vides, na Ribeira Sacra, son exemplos que clarifican a importancia e o valor material que había e segue habendo. Riqueza patrimonial a esgalla, ao longo desta ruta, que moitas e prezadas persoas entusiastas están estudando, ensinando e divulgando, coidando e procurando que non se perda nunca máis, respectando o seu enorme valor inmaterial, como se fose "ouro en pano", daquel ouro que saía das minas destas terras, noutros tempos.

O Camiño de Santiago é un espazo de comunicación, é un mundo enteiro, para andar e pensar, para reflexionar e unir o pasado co futuro. Así van milleiros e milleiros de homes e mulleres de tódalas idades peregrinando por onde outros xa foran. E, por que? Polo que sexa, cadaquén pola súa razón. Todos, e de tódolos lados, ata Santiago de Compostela, ao final do Camiño, como moi ben dicía a Tía Manuela, "sen novos inventos".

Xornalista