El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

TRIBUNA LIBRE

SENÉN BARRO AMENEIRO

Un tren que non pasará dúas veces

12.05.2019 
A- A+

OIRÍAN OU LERÍAN BASTANTES veces que os datos son o petróleo do século XXI. Eu tamén o creo. Pero serán as tecnoloxías e as máquinas intelixentes as que converterán ese petróleo dixital en progreso. As tecnoloxías intelixentes serán a máquina do tren do progreso e o que non suba a el xa non poderá facelo, porque nin esperará nin pasará dúas veces.

As tecnoloxías intelixentes facilitan o desenvolvemento de sistemas e solucións, como produtos ou servizos, cunha maior autonomía, adaptación á súa contorna e/ou efectividade na resolución de problemas. Falamos da Intelixencia Artificial (IA) e das súas múltiples tecnoloxías asociadas: aprendizaxe automática, tecnoloxías da linguaxe, robótica, ciencia e enxeñería de datos, visión artificial e bastantes máis. Tamén das tecnoloxías que as provén de soporte físico e de recursos de computación, singularmente as arquitecturas de computación de altas prestacións.

Aínda que adoitan nomearse algúns ámbitos de especial demanda e aplicación das tecnoloxías intelixentes, como a industria 4.0, a enerxía e o medioambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou o sector financeiro e de seguros, o certo é que non existe nada que quede á marxe destas tecnoloxías. Non quero marearlles cun mar de citas e cifras, así que só comentarei algúns datos dun recente informe de McKinsey. Para esta prestixiosa consultora, as principais tecnoloxías da Intelixencia Artificial achegarán un incremento do 16% na economía mundial en 2030 (uns 13 billóns de dólares), o que se corresponde cun incremento medio anual do 1.2% na produtividade. Nin máis nin menos que o dobre do que supuxeron as tecnoloxías da información no que vai de século, o triplo do impacto da robotización, sobre todo a industrial, na última década do século pasado, ou catro veces máis que a achega das máquinas de vapor durante o século XIX.

Vivir á marxe das tecnoloxías intelixentes supoñerá quedar excluído non só dos seus beneficios económicos, senón dos que se producirán na educación, na saúde ou na mellora da calidade de vida en xeral. Por iso Europa está a desenvolver a súa estratexia "IA para Europa", coa que ha de aliñarse a estratexia española e a dos demais países da Unión Europea.

Galicia e o resto de comunidades autónomas non deben delegar sen máis a defensa dos seus intereses e a procura de oportunidades. Para non resignarnos co que nos vaia chegando e o que nos vaian deixando, Galicia necesita deseñar a súa propia estratexia en IA, que ademais de plasmarse nun plan, ha de comportar os recursos necesarios para pasar da ideación á acción.

A boa noticia é que non partimos da nada. A nosa comunidade autónoma conta cunha investigación relevante en tecnoloxías intelixentes, asentada sobre todo nas súas universidades. A mellor noticia é que ademais conta cun centro de investigación que fixo das Tecnoloxías Intelixentes a súa aposta estratéxica: o CiTIUS da USC, que acaba de iniciar unha nova etapa como Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes. É unha boa noticia para a USC, desde logo, pero tamén para toda Galicia, que se sitúa así á vangarda de España nun ámbito no que se dilucidará o futuro dos países.

DIRECTOR CIENTÍFICO DO CITIUS, CENTRO DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTELIXENTES DA USC