El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

enfiando

AFONSO EIRÉ

O que vale un voto

09.11.2019 
A- A+

O denominado procés catalán colleu un novo rumbo cando o Consello Político da CUP decide non apoiar a Artur Mas, logo de que na A­semblea Xeral empatasen unha e outra vez a 1.515 votos os partidarios de que os seus 10 deputados votasen a prol de Mas como presidente e os que propugnaban absterse se non presentaban outro candidato.

Traio aquí este feito a conto para ilustrar a importancia que ten un voto. Un só voto pode mudar moitas cousas. E ese voto é o seu.

Si, aínda que non o semelle, estamos nunha democracia parlamentaria, e nas eleccións xerais non nos toca elixir a un presidente do Goberno central, nin aos seus ministros. Senón a un parlamento de 350 deputados que serán os encargados de votar a ese presidente do Goberno e, logo, as distintas medidas e leis que se aproban nas dúas cámaras.

Non, non son eses líderes mediáticos dos distintos partidos españois os que teñen a última palabra. Historicamente, salvo nas contadas maiorías absolutas, foron, precisamente, os partidos nacionalistas periféricos os que propiciaron maiorías de goberno e estabilidade institucional. Si, eses mesmos partidos que Vox, PP e Cs, pretenden ilegalizar.

Mañá, cada cidadán ten o dereito de elixir aos seus representantes. Debería de matinar, antes de votar, quen son aqueles que mellor os representan na súa provincia, os que van defender os seus dereitos e os seus intereses no Parlamento...

Os famosos "líderes-candidatos" omnipresentes, e até semella que omniscientes, só son dianas mediáticas que, como se viu no caso de Artur Mas, poden ser rexeitados e até expulsados do circo político polos deputados electos. Lembren tamén se queren que o seu deputado/a siga defendendo os intereses de vostedes logo de elixir presidente ou se esqueza da súa provincia e dos seus electores.

Xornalista