El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Villalobismo

15.09.2018 
A- A+

SÓ por ter chimpado fóra (da Deputación Permanente do Congreso) a Celia Villalobos xa Pablo Casado nos cae simpático. Esta señora é o paradigma dunha caste de desigualdade que o enorme leviatán da UE oculta: o enriquecemento a base de altos salarios políticos de innúmeros politicastros. Mentres nos distraemos mirando para os ricos épicos (da revista Forbes) fánsenos invisibles os riquiños líricos (os da revista Fórranse), que enfeixan nómina no escano xogando candidamente ao candy crush. Villalobos non aportou á política máis produción mental ca aquela recomendación ás amas de casa españolas ("No l'echei guezo de vaca loca a la zopa") cando foi ministra. Ministerio, por certo, que Villalobos lle languetou naquela primavera do ano 2000 a quen nese momento tiña máis marca e mérito para ser ministro de Sanidade: un tal Alberto Núñez Feijóo.

Polos corredores gobernamentais recoñecíase a eficiencia do prometedor político galego, pero na moqueta de Aznar o seu asesor Arriola chantou á súa santa. Entre cuxos milagres está o da volta de Feijoo a Galicia, que tanta romaría e devoción electoral produciu. Se o vulto redondo de Villalobos non se chegase a atravesar na biografía de don Alberto, a historia destes últimos vinte anos da democracia española ao mellor tería sido outra, porque en política sempre é lícito entoar o bolero do que puido ter sido e non foi. O método contrafactual, que se di.

A todo político se lle atravesa algunha vez unha muller. Isto non o permite dicir a mamonancia da corrección política, pero é unha tese que xa tanteou hai case cen anos Gregorio Marañón cando escribiu El conde-duque de Olivares: la pasión de mandar, un ensaio de modesto peso intelectual, pero no que non faltan maleantes suxestións (politicamente incorrectas, claro) sobre o poder do rancor da muller na política. Olivares apartou a Ana Guevara (nodriza de Felipe IV), e ela retirouse, si, pero "con paso de vulpeja" para tecer un pano de xenreira contra o primeiro ministro, mellor dito valido. En política Ana-Guevaras habelas aínda as hai. O caso é dar con elas e percibir os seus andares polos retretes e despachos (son sinónimos estes substantivos no século XVII), os seus "pasos de vulpeja" dentro dunha diversidade tipolóxica cuxa última manifestación foi o villalobismo candy crush nos gobernos que viñemos gastando. O que pasa é que estas cousas non se poden dicir por medo aos ventos feministocráticos que asubían.

Escritor