El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

SALVADOR GARCÍA-BODAÑO

A voltas co monte galego

11.11.2018 
A- A+

PERMÍTANME que hoxe comece falando de que no que respecta a política forestal, Galicia está, neste momentos, nunha situación límite, no final dunha posibilidade que se nos deu de poder vivir e manter unha relación saudábel cos montes galegos, onde ou ben avanzamos cara onde queremos chegar a ser ou ben nos perdemos na maraña de contrasentidos que ten vivir nun dos países con maior riqueza forestal que é incapaz de sacar rendibilidade á paisaxe que o arrodea. Os piñeiros, os carballos, os castiñeiros e demais especies autóctonas forman parte da nosa cultura e da nosa maneira de estar no mundo, son parte ineludíbel do noso ser como galegos. Pero para soñar é preciso vivir. E hoxe parece necesario recordar que convén resolver as necesidades sociais de carácter estritamente práctico e urxente que nada teñen que ver con políticas oníricas que parecen devolvernos as elucubracións metafísicas de tempos pasados onde as alucinacións económicas escondían a triste realidade da economía de supervivencia, da miseria e a fame.

Pasados os anos, as lexislaturas, os conselleiros e os presidentes, seguimos sen atinar na política forestal. Ata dende Bruxelas se reclama unha mellor xestión forestal a fin de acadar prácticas construtivas dentro do sector. Teño falado de que o serio problema dos incendios forestais segue sen abordarse con eficacia, xa que o número de sinistros ten aumentado cerca dun 11,6% con respecto á última década. Os macro incendios creceron nun 23% e incluso o ano 2017 se recordará como o segundo ano no que máis superficie se leva queimado nos últimos 12 anos, en concreto en Galicia cerca de 42.000 hectáreas.

Pero seguimos sen ser capaces de facer unha xestión axeitada dos montes, con prácticas non sostíbeis, coa degradación dos ecosistemas e a plantación de especies arbóreas inflamábeis, en detrimento das especies autóctonas de bosque atlántico que permitirían unha mellor resistencia do monte, fronte as agresións externas. Resulta arrepiante comprobar as cifras e descubrir que o eucalipto segue subindo e marcando récords de produción no noso país, mentres que o piñeiro descende, en produción, ata o 37,6%. O "Plan integral de dinamización e recuperación dos montes de coníferas e de promoción do consumo da madeira en Galicia", pretende romper a dinámica de descenso da produción do piñeiro, nos nosos montes. Agrúpanse nel 51 entidades do sector, entre asociacións de propietarios, viveiros, empresas de servizos forestais, serradoiros, empresas de transformación, distribución, institucións académicas e profesionais relacionados co tema. Trátase de definir prezos mínimos para a madeira de maior calidade, da mellora xenética dos piñeiros, o fomento dunha silvicultura avanzada e a introdución do I+D+i , xunto co deseño e o fomento do uso da madeira de coníferas, a fin de engadir novos valores a todas as partes que interveñen na produción e transformación da madeira. Unha iniciativa ilusiónante para o noso sector forestal.

Da Real Academia Galega