El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

a pousada no camiño

XOÁN ANTÓN PÉREZ LEMA

Sumar para gañar

13.01.2019 
A- A+

O acordo acadado pola dereita unha e tripla do PP, Cs e Vox para gobernar Andalucía amosounos o grao de consenso real entre os tres polos da dereita extrema da Santa Alianza a respecto da axenda a impornos, que recolle grande parte das propostas reaccionarias de Vox : recurtes nas políticas sociais e de igualdade de xénero, política antinmigración e substancial recurte do autogoberno.

A ofensiva tripolar da Santa Alianza resposta basicamente ao obxectivo de recentralizar o Estado suprimindo a autonomía política e mantendo as CC.AA. como Mancomunidades provinciais para a xestión administrativa desconcentrada. Para Galicia é a peor das escollas, a que garante a súa pobreza, dependencia e irrelevancia.

Para máis, a ofensiva coincide coa substancial mutación implícita que sofriu o marco constitucional-estatutario nos últimos tempos. Dende a Sentenza do Tribunal Constitucional que anulou substancialmente o Estatut catalá de 2006 e, sobre todo, dende a aplicación, inducida polo Xefe do Estado, no outono de 2017 do 155, que converteu un mecanismo desaquelado xa na orixe, de limitación temporal e sectorial do autogoberno, nun estado de excepción que derroga este autogoberno. Derrogación que hoxe o tripartito da dereita (co apoio de parte do PSOE) quere facer eterno. O perigo é inminente. Estamos a falar, non só do dereito a decidir, senón do dereito a un autogoberno limitado, hoxe negado de facto polas propostas da Santa Alianza da dereita extrema, así como dos dereitos fundamentais e as políticas de cohesión e inclusión social e de igualdade de xénero, que queren deconstruir. Cómpre reaxir.

E, malia que sexa comprensíbel que, para as eleccións europeas, os partidos da España plurinacional preparen cadansúa coalición (ERC con BNG e EHBildu no ámbito da Alianza Libre Europea, PNV co PdeCat e Compromiso por Galicia no ámbito do Partido Demócrata Europeo e Compromís co Mes das Illes Balears, a Chunta Aragonesista e outros, que mesmo gostarían integrar En Marea) os tempos esixen máis unidade, máis estratexia local-nacional, estatal e europea e menos partidos, como teñen sinalado hai poucos días Xosé Antón Jardón ou Ramón Cotarelo.

De certo que unha coalición unitaria de forzas soberanistas e cosoberanistas para as eleccións europeas é unha solución intelixente, mais moi difícil. Porén, como adoita dicir Morgan Freeman, nunca poderemos saber que se podía face até que alguén o faga.

De certo que unha coalición unitaria de forzas soberanistas e cosoberanistas para as eleccións europeas é unha solución intelixente, mais moi difícil. Porén, como adoita dicir Morgan Freeman, nunca poderemos saber que se podía face até que alguén o faga.

 O AUTOR É AVOGADO