El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

punta balea

XOSÉ CERMEÑO

Días ao pé do mar

13.08.2019 
A- A+

"CANDO eu morra voltarei para buscar / os instantes que non vivin xunto ao mar" , dicía unha canción que algúns lembrarán interpretada por Maria Bethânia. Eses versos da canción son de Sophia de Mello Breyner Andresen, unhas das grandes poetas portuguesas do século XX. Son dous versos moi sinxelos, pero concentran os saberes e cualidades que esperamos dun poeta: construir con poucas palabras sensacións e ideas que necesitarían un tratado para ser evocadas ou contadas. A certeza de que so os momentos pasados ao pé do mar son os realmente útiles e satisfactorios da vida está presente sempre para os que pasamos a nenez entre praias e rompentes e gamelas. E tamén a certeza de que nos arrepentiremos, ou estamos xa arrepentíndonos, de todos os días da nosa vida en que fixemos algo distinto a ver e sentir o mar.

As únicas horas da vida que nunca me deron a sensación de ser malgastadas son as que pasei navegando ou pescando ou paseando polos areais ou nadando ou axexando nas pozas da baixamar a aparición dun caranguexo ou dun peixiño. Os mellores menceres son os que vin desde a praia ou desde un barco e os solpores mais espectaculares foron sempre aqueles nos que o sol do verán se afundía no océano, incendiando lentamente a auga e o ceo. Por iso, como ven dicir a señora poeta, os instantes que non vivimos xunto ao mar serán os que necesitemos rectificar e corrixir cando se nos acaben os instantes.

Sophia de Mello foi un personaxe singular nas letras portuguesas: deixou ducias de libros (morreu no 2004), recibiu o premio Camoes en Portugal e tamén o Raiña Sofía de Poesía en España. A vida e o seu caracter rebelde acabaron levándoa a apoiar a Revolución dos Caraveis e a ser deputada socialista, pero naceu nunha familia rica e pasou a infancia en dous lugares privilexiados a casa familiar da Quinta de Campo Alegre -que hoxe é nada menos que o Xardin Botánico do Porto- e a praia da Granja , en Vila Nova de Gaia, lugar de veraneo de aristócratas e burgueses na primeira metade do século pasado. A casa de veraneo da nena Sophía estaba construida sobre as dunas e a porta daba directamente á area da praia e ás pozas entre as pedras. Supoño que foi alí -entre mareas, ondas e escumas- onde ela empezou a pensar que aqueles eran non so os dias mais felices que un neno poida imaxinar , senon tamén os días con mais sentido para calquera.

As desenganos son un dos materiais mais importantes cos que se fan as vidas. A maior parte dos traballos, dos praceres e dos oficios -e o oficio de escribir en lugar destacado- son moi decepcionantes, sobre todo se os comparamos coa sensación plena e feliz dos días vividos coa vista no mar. Días que nos obrigarán a volver despois de mortos para reparar, como dixo dona Sophia, "os instantes que non vivin xunto ao mar".

Escritor e xornalista