El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

punta balea

XOSÉ CERMEÑO

Greta e os incendios modernos

03.12.2019 
A- A+

CANDO era neno vivín un incendio e souben ese día o que significaba ser un adulto. Unha fin de semana quedei a durmir na casa dos meus avós: gustábame quedar alí porque na tele daban Galas del Sábado, un programa de variedades que acababa algo tarde, e os meus avós era máis tolerantes coa hora de ir para a cama, así que podía velo enteiro. Laurita Valenzuela e Joaquín Prat presentaban a Los Brincos, o Dúo Dinámico, Luis Aguilé e outros fenómenos da natureza daqueles tempos. O edificio no que vivían os meus avós era vello, con escadas de madeira, e comezou a arder na noitiña. As lapas naceron no soto, onde habia algún produto moi combustible, quizais carbón, e tardaron pouco en chegar á altura do cuarto piso.

Espertamos sobresaltados polo ruido dos cristais que escachaban e polos berros dos veciños. Baixamos cando xa comezaban a arder as cortinas. Un balde plástico derretíase nun balconciño que daba ao patio interior. A columna de lume impresionaba e chegamos ao portal cegados polo fume, seguindo as voces dos bombeiros e doutros veciños que nos urxían a saír para non vernos convertidos en churrasco.

Lembro que pasei medo nos últimos segundos, cando tivemos que cruzar o portal, grande e ateigado dunha densa fumareda, case chamuscados polas lapas que prendían nas escadas de madeira. Pero tiña un talismán infalible: a man do meu avó, serio e decidido. Os adultos fixeron o seu traballo: homes, mulleres, inquilinos e bombeiros mantiveron a calma e a resolución necesarias para que todos sairamos sen dano físico. Un jeep dos bombeiros levounos, desconcertados e tisnados á casa dos meus pais para pasar o resto da noite.

Hai hoxe no mundo moitos incendios: os nacionalismos xenófobos, a contaminación por gases de efecto invernadoiro, a degradación dos océanos, a concentración de riquezas en poucas e escuras mans fóra dos mecanismos de control das sociedades democráticas, o poderío de países gobernados por reximes autoritarios, a persistencia da pobreza. Ao filósofo Karl Popper gustáballe dicir que estamos moi mal, pero que nunca estivemos mellor na historia da humanidade. Estou dacordo, mais -a diferenza do que pasaba no meu accidentado recordo da infancia- as decisións necesarias para gobernar a situación non están nas mans de adultos con ideas claras, senon en políticos infantilizados.

A imaxe máis clara desa infantilización -metafórica e real- da política actual é a pintoresca viaxe en catamarán da adolescente Greta, en compañía de veganos que se fotografían pescando, para vir desde Estados Unidos e exercer en Madrid de nostradamus. Adolescentes que marcan a atención dos medios e, rodeados de adultos sen sentido común, convirten a política nun simulacro infantil.

Como tamén dixo Popper: podemos ser creadores do noso destino, pero temos que deixar de escoitar aos profetas. Sobre todo se, no medio do lume, non son nin saben ser adultos.

Escritor e xornalista