El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

punta balea

XOSÉ CERMEÑO

Primeira volta ao mundo

12.02.2019 
A- A+

ESTES días pódense ler artigos e columnas de autores algo alporizados porque en Portugal andan a celebrar o V Centenario do inicio, en 1519, da primeira volta ao mundo. E seica incomoda que o fagan como se a fazaña fora cousa de portugueses case en exclusiva e non un logro compartido cos españois, que puxeron os cartos e os barcos e que foron os que finalmente completaron a viaxe.

Un dos libros que fixeron ferver a miña imaxinaxión infantil foi unha edición, mais ou menos alixeirada, da crónica de Pigafetta sobre aquela primeira circunnavegación , que comezou baixo o mando de Fernando de Magallanes e que rematou Juan Sebastián Elcano, pois o portugués morreu nunha praia de Filipinas.

Magallanes ou Magalhâes, na sua ortografía portuguesa, quixo facer o mesmo que intentara Colón: atopar un camiño por mar, navegando cara ao oeste, ata as Illas das Especias, os arquipélagos lendarios que hoxe coñecemos como as Molucas, e das que procedían o craviño de olor, o macis, a noz moscada e outras especias que tiñan un singular valor culinario, terapéutico e tamén relixioso. É dicir, mercadorías de enorme prezo. Un comercio que construiu grandes fortunas desde tempos antigos, cando as pementas, a canela, o azafrán e outros luxos aromáticos chegaban a Europa da man de mercaderes árabes. É coñecida a queixa de Plinio o Vello sobre a enorme sangría económica que representaba para a Roma de Nerón a compra de especias importadas da India. Procurando eses tesouros que tiñan forma de flores, cortizas e sementes, marcharon Colón, Magallanes, Elcano e outros arriscados mariños movidos polo afán de riquezas, o espíritu aventureiro e o desafío como navegantes.

Sabemos que a expedición de Magallanes partiu con cinco barcos e 237 tripulantes, pero so regresou un barco (outro chegou un tempo despois) con 18 mariñeiros, despois de mil penalidades . Contan que o barco chegou feito unha calamidade e peor ainda desembarcaron os tripulantes, enfermos, desnutridos e esfarrapados. Dous daqueles desgrazados heroes eran galegos (de Baiona) .

Portugal prepara dignas conmemoracións -que eles non dubidan en denominar celebracións- coa creación dunha Rota de Magalhâes, a candidatura da mesma a Patrimonio Cultural da Humanidade (UNESCO) e outras iniciativas. As noticias de celebracións en España ou en Galicia son moito mais discretas: unha estraña febre nos empurra a xulgar con rigorosa xenreira os feitos do pasado e preferimos ver a Colón, os Pizarro, Hernán Cortés e outros moitos como fascistas heteropatriarcais e imperialistas. Eu botarei hoxe, mentres cociño, un pouco de noz moscada na tarteira: Magalhanes e Elcano saberán que é a miña humilde homenaxe.

Escritor e xornalista