El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

punta balea

XOSÉ CERMEÑO

A señora Arenal xa ten 200 anos

21.01.2020 
A- A+

A IDEA de compaixón, como a entendemos e usamos normalmente nas nosas vidas, é seguramente a contribución máis importante do cristianismo á historia da filosofía e da política. Eu non son crente, grazas a deus, pero sei que a compaixón cristiana axudou moitas veces a que o mundo sexa un pouco máis amable, mais digno e mais xusto.

Non é casualidade que a idea de compaixón estea na frase mais coñecida de Concepción Arenal : "Odia el delito y compadece al delincuente". Non é casualidade porque a señora Arenal medrou en ambientes -primeiro, na casa da súa avoa materna e despois, xunto ao violinista Jesús Monasterio- onde as crenzas relixiosas eran moi importantes.

Pero non foi so a relixión a materia prima para que Concepción Arenal cociñase as súas ideas e inquedanzas. Seguramente nin sequera foi a mais importante. O liberalismo do seu pai (un militar destinado en Ferrol) e o seu paso pola cadea, o valor do coñecemento e da formación -que a levou a estudar Dereito en Madrid, cando tal cousa era case unha extravagancia para unha muller- e o coñecemento de primeira man da miseria e o sufrimento foron definitivos.

Que moitas das súas ideas estiveron en sintonía coas das primeiras sufraxistas -que despois chamariamos feministas- é evidente, pero chamar feminista a Concepción Arenal é moi reducionista. A búxola de dona Concepción foron o humanismo e a compaixón, porque os pobres, os desvalidos, os anciáns, os presos, os enfermos, os peregrinos, os obreiros sen vivenda, os feridos da guerra carlista e os estudantes sen recursos foron o centro das súas preocupacións e iniciativas. Tamén as mulleres, por suposto, condenadas ao estrago do seu talento e dos seus dereitos e sobre as que Arenal escribíu: "soltera, casada o viuda, tiene derechos que cumplir, derechos que reclamar, dignidad que no depende de nadie, un trabajo que realizar e idea de que es cosa seria, grave, la vida y que si se la toma como un juego, ella será indefectiblemente un juguete".

Neste mes de xaneiro, dentro de poucos días, lembraremos o segundo centenario do nacemento de Concepción Arenal, a activista e escritora que chegou á vida en Ferrol (31 de xaneiro de 1820) e morreu en Vigo (1893). Deteño os meus pasos con frecuencia diante dun monumento funerario na súa memoria que hai na entrada do cemiterio vigués de Pereiró, obra do arquitecto Manuel Gómez Román. O primeiro destino dos seus restos mortais foi outro cemiterio vigués -hoxe desaparecido: o camposanto de Picacho- e, cando este se clausurou, o traslado dos restos de da señora Arenal ao novo cemiterio de Pereiró foi toda unha homenaxe popular a unha cidadá valiosa e singular. Sobre unha das portas do Picacho podia lerse a inscripción "Aquí acaba el placer y vanos gustos y empieza la carrera de los justos". E entre os xustos estará para sempre Concepción Arenal, galega sabia, boa e xenerosa.

Escritor e xornalista