El Correo Gallego

Noticia 1 de 1 Opinión » Firmas

á beira do sar

XOSÉ MANUEL G. TRIGO

Don Camilo non morreu

12.01.2019 
A- A+

NON hai flores no meu xardín. Nin sequera as camelias brancas se atreveron a saír (non se pode andar vestida de noiva con estas xeadas). A falta de flor, lévolle a Cela a sonata de inverno. Todo é friaxe naquela tumba, que recorda o estremecemento existencial de don Miguel de Unamuno: "Mejor el fuego eterno que el frío absoluto de la nada". Aínda sendo tanta a nada, don Camilo e mais eu enfiamos leria sobre calquera nadería. Por exemplo, a insoportable levidade desa moda das palabras Frankenstein (ou sesquipedalia verba, como lles chamaban os romanos) bendicidas agora polas nosas academias, coma "microplástico" (alentada pola RAE) ou "deseucaliptización" (aireada pola RAG). Parece que se quere celebrar con estes monstros algo así coma a palabra documental do ano, propoñéndonos un longueirón morfolóxico que concentre a esencia dun "tema do noso tempo", que diría aquel filósofo.

- Coño, si: estreitura mental en longura verbal.

Pois por aí vai a produción intelectual do país. Como baixou tanto o nivel da sindérese, tamén baixou moito o nivel da sintaxe. De xeito que cambiamos a inocente expresión perifrástica (v.gr., hai que arrincar eucaliptos) por esta cacofonía: desescoliptación, ou como se pronuncie ese voquible horrísono. Aquí xa nin os académicos teñen sentido estético da lingua. Con dicir que estivo a rente de ser director da RAE Juan Luis Cebrián, autor de faltas de ortografía famosas coma aquela tan glosada por Paco Umbral: clítorix. Ou sexa, coma Obélix e Astérix. Están tolos estes académicos, dirían aqueles galos.

O único e último académico perifrástico que nos queda é don Xesús Alonso Montero. Estoutro día escribía na prensa sobre María Victoria Moreno e (recordando o día que esta escritora finou) non dixo que morrera, senón que fora durmir fóra. O noso inmortal académico nunca di morrer, e en calquera momento dáselle por escribir un daqueles seus "informes dramáticos" contra os lexicoides tóxicos: morreu a palabra morrer ; aquí só se pode ir durmir fóra. Moito lle temos que agradecer a don Xesús que puxese en circulación esa circunlocución que enterra o vello verbo morrer (tan escatoloxicamente incorrecto). En fin, que nesa modernidade lle estamos, don Camilo. Seica resulta que vostede non morreu senón que foi durmir fóra.

- Coño, pois aquí fóra fai un frío de carallo.

Escritor