Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Economía verde, eivas e intereses

    Non son poucos os analistas, especialmente aqueles que cuestionan a aceleración por parte das potencias occidentais das políticas verdes na produción de enerxía e na mobilidade por estradas, xa que dan por feito un aumento do prezo das materias primas e un medre da inflación. Detrás destas criticas poden existir intereses corporativos, mesmo pode haber negacionismo do cambio climático, porén non se pode ignorar que os pasos que se deron nesta materia non están dando os resultados esperados, vexase o aumento do prezo da electricidade e do gas, a falta de chips, o encarecemento do aceiro, da gasolina, etc.

    Polo que, coincidindo con estes “cambios verdes” estase a dar un medre da inflación e falta de bens, ao que sen dúbida axuda a pandemia do covid-19, a confrontación entre potencias, e o aumento exponencial da especulación e a economía delitiva, mais sobre todo a economía de escala, e un proceso de centralización e concentración que vai a máis e non ten fin. Daquela que unha ruptura na cadea produtiva, por exemplo a acontecida na canle de Suez polo accidente dun barco de carga, multiplicase as consecuencias negativas no proceso de produción e venda (vexase o que está a acontecer cos contedores de mercancías). E terminará afectando máis unha vez ás clases populares.

    Existen polo tanto eivas a atrancos evidentes, tanto para transformar o sistema produtivo cos criterios acordados polas potencias, abonda con ver os primeiros resultados, como pola evidencia de que o modelo actual non é sostíbel. Rachouse o equilibrio entre a humanidade e a natureza, e a desfeita dos ecosistemas é cada vez máis evidente. Ante todo coido que o esencial é recoñecer este último feito, e que cómpren medidas excepcionais que deben abranguer a todas as nacións, a todas actividades produtivas e ao modo de vida da humanidade.

    Un cambio deste tipo non pode ser parcial (enerxía verde e automóbil eléctrico), mentres se alenta a recuperación pos pandemia con medidas que dan pulo ao turismo de masas, ou sexa á estrema mobilidade, ao amoreamento urbano, ao desequilibrio demográfico, etc. Que se volvan a acender en nadal millóns de luces como reclamo turístico, aínda que sexan bombillas led, amosa coa alegría que se toma o cambio climático e as políticas de enerxía verde para alén das declaracións de intencións (máxime cando alcaldes como o de Vigo presumen délo). Ou sexa, que non se entendeu a urxencia de reducir o consumo non esencial e facelo construíndo a un tempo alternativas e emprego.

    Medidas deste tipo esixen un consenso internacional, das nacións e das clases sociais maioritarias. E dado co capitalismo é consubstancial coa centralización e concentración da riqueza e do poder, da desigualade, da precariedade, da violencia,... tal como se constata acotío no eido económico, social, laboral, das discriminacións por xénero, sexo, etnia, rural e urbano,... cómpre realizar cambios radicais: un reparto xusto, igualitario e solidario, da traballo e da riqueza producida (por exemplo terminando co intercambio desigual). Igual de necesario é preservar a diversidade cultural, lingüística e histórica, como contribución á riqueza da humanidade. Hoxe dáse o paradoxo de que nos países que se chaman máis avanzados, recoñecese a diversidade individual, mentres se negan ou se arrecunchan as identidades colectivas, utilizando a estrema concentración dos medios de comunicación e do poder económico e político. Esta situación límite só ten saída cun pacto entre nacións e clases sociais. Non se soluciona só cun acordo entre potencias, nen aplicando a lei do máis forte (como se comprobou en Viet-nam e agora en Afganistán,...).

    É o momento de debater o estratéxico para poder construír presente con futuro. Abonda de política espectáculo e por cortopracista sistémica. Os partidos que están ao servizo dos de abaixo, da xustiza social, da soberanía e democracia popular, deben socializar a análise, os obxectivos a medio e longo prazo, a folla de ruta, a política de alianzas, os escenarios posíbeis, avanzar na ruptura... Non hai cambio sen socialización do proxecto e unha sociedade consciente, mobilizada e protagonista.

    https://obloguedemera.wordpress.com/

    15 oct 2021 / 01:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito